Dez anos do naufraxio do Costa Concordia: "Démonos un bico porque pensamos que era o fin"
Dez anos do naufraxio do Costa Concordia: "Démonos un bico porque pensamos que era o fin"
Hai xusto dez anos, Alejandro Mínguez, veciño de Celanova, vivía un auténtico pesadelo. Acababa de casar e celebraban a lúa de mel no Costa Concordia, o cruceiro que embarrancou na costa italiana e lles causou a morte a 32 persoas. Once galegos ían naquel barco, o buque insignia de Costa Cruceros, que acabou despezado.
"O día que embarcamos en Barcelona, que foi o 9 de xaneiro de 2012, e o día que tiñamos que chegar de volta, o 16 de xaneiro de 2012", explica Alejandro mentres non ensina a súa tarxeta de pasaxeiro. Aquel barco no que desfrutaba da lúa de mel nunca chegou a porto.
"Nós estabamos ceando, eran as nove e media da noite, e o que escoitamos foi un estoupido forte. Pero non imaxinamos que chocaramos contra unha rocha e se abrira un buraco de 70 metros no buque".
A bordo ían máis de 4.000 persoas. Trinta e dúas faleceron. A Alejandro e a súa muller tamén lles custou saír. Tardaron tres horas. Unha delas, pendurados no aire, nunha lancha pneumática que rachou.
"Démonos un bico e dixemos 'ata aquí chegamos', porque pensamos que caiamos un montón de metros ao mar e, aínda que non nos afogaramos, había moitas persoas e os golpes podían provocarnos unha lesión fatal".
Tiveron que gabear polo casco do barco para poñérense a salvo. Chegaron á illa de Giglio pasada a medianoite, extenuados, sen nada máis roupa que a que levaban posta para a cea e descalzos.
"Nun primeiro momento empregamos os propios chalecos. Cortámolos e metemos os pés dentro. Eu recordo que, cando estabamos na illa, mirabamos para o buque e había xente que aínda estaba no casco do barco como estiveramos nós unha hora antes".
Tardaron dous anos en retirar o buque e o seu capitán, o irresponsable Schettino, non ingresou en prisión ata 2017.