Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Estamos absolutamente no abismo, tememos o peor e non temos información", di o fillo de Fernando González Martínez

"Estamos absolutamente no abismo, tememos o peor e non temos información", di o fillo de Fernando González Martínez

G24.gal 16/02/2022 13:23

Conmoción e dor tamén en Moaña. Sobre a incerteza e a dor que están vivindo as familias dos desaparecidos falou en 'A revista' Kevin González, o menor dos dous fillos de Fernando González Martínez, de 53 anos, que tamén está enrolado a bordo do pesqueiro Villa de Pitanxo e que de momento aínda non saben nada del.

"Estamos afectados e tememos o peor, non temos información de ningún tipo. Todo o que sabemos e pola prensa. As noticias que temos son por conta propia. Nós chamamos á compañía, eles cóntannos o que poden, pero realmente nin a Administración nin ninguén se pon en contacto con nós. Xa sabemos que é unha información moi delicada, que hai moitas familias, as que lle quero mandar un forte abrazo tamén, pero polo menos unha chamada de estamos aquí, pasa isto, hai tantos falecidos, tantos superviventes..., simplemente unha chamada para saber algo", di Kevin González.

Para o pai de Kevin esta era a segunda marea con esta armadora. A primeira nas Malvinas e esta agora en Terra Nova. Kevin pensa que era a primeira vez que ía a Terra Nova, "non sei se estivo cando el era novo, que tamén embarcou, e eu ainda non nacera. As veces que recordo sempre embarcaba nas Malvinas"

"Meu pai traballaba en máquinas, era engraxador, e, se a memoria non me falla, el estaba na quenda de traballo", lembra o fillo do mariñeiro desaparecido, Fernando González Martínez. Engade Kevin que seu pai sempre estivo ligado ao mar, en mar aberto ou no porto de Meira en baixura. Di Kevin que lle gustaba o mar malia ser un traballo "sacrificado e ás veces perigoso".

Sobre o naufraxio e que seu pai estea desaparecido, di Kevin: "Aínda non o asimilo moi ben. Na casa, sobre todo meus avós e meus tíos están bastante afectados. Son cousas que pasan e hai que intentar seguir, e iso, por favor, os que están ao cargo do rescate que fagan un par de chamadas. Non sei o resto das familias, pero pola parte que me toca estamos totalmente no abismo porque non sabemos absolutamente nada, salvo esas dúas ou tres chamadas que conseguín facer eu á compañía armadora".

O pai de Kevin, Fernando González Martínez, é unha persoa moi coñecida en Moaña, que sempre estivo ligada ao remo, como lembra seu fillo. Coma os seus fillos, pertencía a Sociedade Deportiva Tirán: "Sempre estivo ligado ao remo, e nós tamén remamos, tamén na comisión de festas, e agradezo as mostras de afecto de moitos que para min son descoñecidos, agradezo profundamente todo o apoio".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade