"Hai que estar vixiantes para que a IA se aplique nas empresas de forma segura"
"Hai que estar vixiantes para que a IA se aplique nas empresas de forma segura"
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia advirte que a intelixencia artificial podería usarse para introducir "nesgos" na selección do persoal
Julián Cerviño dixo no Bos Días que a AESIA será un "polo de atracción de empresas e talento" que beneficiará a toda Galicia
No primeiro semestre deste ano 2023 está previsto que comece a funcionar na Coruña a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), un organismo que se encargará de elaborar códigos de conduta e de deseñar o marco regulador para que o desenvolvemento da tecnoloxía da intelixencia artificial (IA) sexa "respectuoso coa ética e cos cidadáns".
Sinalábao nunha entrevista no Bos Días, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Julian Cerviño alerta dos perigos que entraña a IA, xa que podería ser empregada polas empresas para discriminar os aspirantes á hora de acceder a un posto de traballo.
"Temos que ter coidado porque podería usarse para cambiar criterios de selección de persoal utilizando temas de privacidade con nesgos que poden afectar á igualdade"
Galicia é a cuarta comunidade autónoma española que máis emprega a intelixencia artificial nas empresas. Estes algoritmos poden ser empregados, por exemplo, para elaborar criterios de selección de persoal ou para a diagnose clínica. Segundo Julián Cerviño, "temos que estar vixiantes para que estes criterios se apliquen de forma segura e fiable".
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia afirma que a AESIA será un "polo de atracción de empresas e talento" e terá impacto non só na cidade da Coruña, senón tamén en toda Galicia.