A denuncia dos pais do rapaz morto en Matamá: "Non foi accidente. Esa atracción non podía estar funcionando"
A denuncia dos pais do rapaz morto en Matamá: "Non foi accidente. Esa atracción non podía estar funcionando"
A denuncia dos pais do rapaz morto en Matamá: "Non foi accidente. Esa atracción non podía estar funcionando"
Reuníronse coa Valedora do Pobo e solicitaron unha entrevista co alcalde de Vigo
Este xoves cúmprense dous meses da morte de Iván Castaño, o mozo de Vigo que faleceu nunha atracción de feira. Coincidindo con este fatídico aniversario, os seus pais reuníronse coa Valedora do Pobo en busca de medidas para que isto non volva pasar nunca máis.
Coñécese como o accidente de Matamá.
"Non foi accidente, non. Esa atracción non podía estar funcionando, tiña que estar precintada, e non só nas festas de Matamá, xa nas festas de Beade, que xa non tiña a documentación correcta", di Lola Hervella, a nai de Iván.
"Non a precintaron e como non a precintaron pasou o que pasou, unha desgraza", engade o pai do rapaz, Secundino Castaño.
Para esa desgraza aínda buscan respostas. Xusto cando se cumpren dous meses desa traxedia, Lola e Secundino reuníronse coa Valedora do Pobo cunha petición moi clara.
"Pedir xustiza polo noso fillo, por Iván e que isto non volva pasar nunca máis, que ninguén teña que volver pasar polo que nós estamos pasando. Isto hai que cambialo, teñen que cambiar a normativa", di Lola.
A iso se aferran agora porque á dor da falta do seu único fillo, súmase o maltrato das administracións. Saíron contentos da reunión da Valedora pero, dous meses despois, seguen esperando unha chamada do Concello de Vigo.
"Rexistramos para pedir unha reunión co alcalde e a día de hoxe aínda non tivemos resposta", di Lola.
Piden xustiza, xustiza por Iván, e prometen seguir loitando ata que o culpable ou os culpables paguen polo que fixeron. Polo que nunca debeu pasar e que, tal e como recalcan, non só foi un accidente.