Kirk sopra a máis de 160 km/h e deixa acumulación de máis de 180 l/m2
Kirk sopra a máis de 160 km/h e deixa acumulación de máis de 180 l/m2
Os restos do furacán provocan cancelación de voos, a interrupción da liña de tren entre A Escravitude e Santiago e a suspensión do transporte de ría
A caída de árbores dificulta a circulación e destaca, entre outras incidencias a caída do lateral do pavillón deportivo do instituto de Porto do Son
En municipios como Ponte Caldelas, Rianxo ou Neda miran aos ríos por risco de rebordamentos
A borrasca Kirk xa se deixa notar en Galicia. Toda a comunidade autónoma permanece en aviso laranxa, que ascende ata vermello por mar de vento na costa de Pontevedra. A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) rexistrou 55 incidencias entre a medianoite e as 5 da mañá.
Á espera de que chegue o peor, Kirk xa deixa árbores caídas, que provocaron polo menos un accidente de tráfico na A-52 en Vigo e o corte da vía férrea entre Padrón e A Escravitude pola caída de árbores na liña, voos e transporte marítimo cancelados e ríos a piques de rebordar, coma o Verdugo en Ponte Caldelas ou o Belelle en Neda. Ademais, un dos carrís da Autovía de Marín está cortado pola preamar.
Ademais, os fortes refachos de vento derrubaron parte do polideportivo do instituto de Porto do Son, que tivo que cancelar as clases. Tamén permanecen pechados os parques e quedan canceladas todas as actividades ao aire libre, mesmo as festas do San Froilán en Lugo.
Vento e chuvia
A borrasca rexistra un refacho máximo de case 167 km/h no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras, na estación que Meteogalicia ten a 1.600 metros de altitude; alí rexistrouse outro este martes duns 160 km/h.
Na zona da costa de morte, en Vimianzo, chegaron aos 149. En Muras, Lugo, o refacho máximo foi de 141 km/h e en Cabeza de Manzaneda 134.
Meteogalicia ten activado un aviso laranxa en toda a comunidade autónoma ata as 12 h por refachos de entre 100/140 km/h. A AEMET sitúaos na contorna dos 100 entre as 8 h e as 14 h.
E chaman tamén a atención os datos da chuvia acumulada desta hora. O lugar onde máis se recolleu foi no concello de Rois, con 184 litros por metro cadrado. Por baixo e roldando os 160 litros estarían Lousame (163) e Forcarei (con 160), e xa con valores máis baixos pero aínda importantes, destacamos o concello ourensán de Entrimo, que leva acumulados 130 litros por metro cadrado.
Previsión dos acumulados en vinte e catro horas, ata hoxe ás 12 h 👇
Destacan #Muros, #Noia, #Xallas, #ABarcala, #Caldas, #TabeirósTerradeMontes, #BaixaLimia pic.twitter.com/6Vo4nwQlSz
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) October 8, 2024
No mar, o peor agárdase nas Rías Baixas, onde Meteogalicia activou unha alerta vermella por refachos de vento do sur de ata forza 10 en mar aberto.
Será, nun principio, ata as 9 h; despois poderán ser de forza 9, que é a que, segundo a AEMET, poden acadar no resto da costa. Irán a menos a partir do mediodía. Prevense ondas de ata sete metros en case todo o litoral pontevedrés e coruñés, que poden chegar aos cinco na Mariña.
Incidencias
Esta noite derrubouse parte do tellado do Conservatorio de Santiago e voaron varios teitos en Vigo; tamén este martes caeu un dos laterais do pavillón deportivo do instituto da localidade coruñesa de Porto do Son, onde hoxe non haberá clase.
Caeron árbores en estradas como a AP-9, a A-52 ou a AG-56, en cidades como Pontevedra e en concellos como os coruñeses de Muros e Lousame. O desprendemento de cascallos da cornixa dun edificio abandonado da Rúa Reza, en Ourense, obrigou a cortala.
O Grupo Naturgy ten rexistradas arredor dunha trintena de incidencias por problemas na subministración eléctrica, sobre todo nas comarcas de Santiago e do Morrazo.
Ríos como o Verdugo ao seu paso polo municipio pontevedrés de Ponte Caldelas ou
o Te en Rianxo están a piques de desbordarse se non o fixeron xa. En concellos como o coruñés de Neda están pendentes do Basteiro e o Belelle, mentres noutros como o de Negreira miran ao Tambre.Desde o sábado, a Xunta mantén activado o Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións.
Cancelación de voos e do transporte de ría
Air Europa suspendeu seis conexións desta mañá dos aeroportos de Vigo e da Coruña con Madrid e viceversa.
A compañía ofrécelles aos pasaxeiros afectados o cambio do billete para voar antes do próximo día 30 ou a posibilidade de gardar o importe para usalo nunha compra futura.
Tamén se cancelou o transporte de ría entre Vigo Cangas e Moaña.
Cóntase con que o peor da borrasca Kirk coincida coa preamar, por tanto, en concellos costeiros como o vigués pechouse o acceso aos puntos máis expostos como os paseos das Avenidas e de Bouzas ou o espigón do Náutico
Sen actividades no exterior nos colexios galegos e suspendidas ata as 18 h as festas do San Froilán
A Xunta suspendeu para esta xornada as actividades no exterior dos centros educativos e deixa en mans das direccións as decisións con respecto ás actividades extraescolares en función do risco.
Suspendéronse actividades ao aire libre en cidades e vilas, tamén as do San Froilán en Lugo ata polo menos as 18 horas. Tamén se pecharon parques e instalacións deportivas descubertas ou o acceso a praias como as da Coruña.
A Deputación de Pontevedra pechou ademais os castelos de Soutomaior e do Sobroso, en Mondariz.
No resto de España e en países veciños
Kirk tamén se está deixando sentir en parte da veciña Portugal e na cornixa cantábrica máis aló de Lugo. A AEMET advirte ademais da posibilidade dunha galerna pola tarde no Cantábrico oriental.
E en Francia, varios departamentos están en aviso laranxa ante a previsión de fortes chuvias, incluídos París e toda a rexión de Ille-de-France.