Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os impulsores da mina de Doade agardan contar cunha declaración de impacto ambiental positiva a final de ano

Os impulsores da mina de Doade agardan contar cunha declaración de impacto ambiental positiva a final de ano

José Luis Corbacho, director de proxecto da Mina de Doade, di que a intención da empresa é "crear unha mesa de diálogo para resolver todas as dúbidas dos veciños, as comunidades de montes ou os concellos", xa que este momento, asegura, é o de "tomar decisións" 

G24.gal 27/03/2025 11:15 Última actualización 27/03/2025 12:09

"Xa presentamos toda a documentación á Xunta, que implica o proxecto de explotación, o plan de restauración, o estudo de impacto ambiental, e dentro deste o estudo de impacto económico e social", anuncia José Luis Corbacho, do grupo Samca, director do proxecto da mina de litio de Doade, en Beariz.

Coa tramitación avanzada, os responsables de Samca, cren que se poden acelerar os prazos para contar co visto e prace para arrincar o proxecto: "Agora o expediente ten que saír a información pública, e ao largo de todo este ano, despois resolver as correspondentes alegacións que poidan xurdir, pensamos que a final de ano poderase contar cunha declaración de impacto ambiental positiva".

A isto contribúe, sen dúbida, o feito de que a Comisión Europea elixira o proxecto da mina de litio de Doade entre os 47 considerados estratéxicos para impulsar a obtención na UE de materias primas consideradas críticas.

"Non só é un recoñecemento para nós, como empresa. É unha boa noticia, eu creo, para a contorna do concello de Beariz e toda a comarca, así como para Galicia, xa que é o único proxecto que se declarou estratéxico en toda Galicia", asegura José Luis Corbacho.

Neste momento do proceso a empresa quere saír ao paso dos problemas que poidan xurdir e á oposición que un proxecto coma este poida suscitar: "É un dos nosos compromisos alá onde imos, onde imos facer operacións mineiras, e o que queremos é constituír unha mesa de diálogo para resolver as dúbidas que veciños, comunidades de montes ou concellos teñan respecto ás bondades ou problemas que poida ter o proxecto".

E a partir de aí, "analizalos dunha maneira sosegada, para ver cales son as posibles respostas a esas posibles dúbidas e problemas e tomar decisións, porque é agora o momento de tomalas", conclúe o director do proxecto da mina de Doade. 

O que máis destacan os promotores deste proxecto é a importancia do litio como materia prima, na actualidade e nos anos que están por vir, dada a dependencia industrial e social que hai deste tipo de materias primas: "O litio é un dos minerais críticos que hoxe en día precisamos toda a sociedade. Está presente nas baterías dos teléfonos móbiles, as tabletas, os ordenadores, os coches eléctricos e dos grandes almacenamentos de enerxía", explica Corbacho.

"O litio pode contribuír a ese cambio cara a unha transición enerxética máis limpa en detrimento dos combustibles fósiles", sostén.

En canto a como vai ser a mina, o seu director de proxecto explica que "é unha explotación subterránea que se estende nunha pegada de aproximadamente un quilómetro de lonxitude, por uns dous centos ou tres centros metros de ancho e todo en profundidade".

"As galerías empezarían a partir da profundidade dos 50 metros e chegarían aos 300 metros. Aí localízase a pegmatita, que é o que se sacaría a un ritmo dunhas 500.000 toneladas ao ano para poñelos en proceso na planta que imos construír enriba da mina co obxectivo de obter un concentrado de mineral de litio de arredor dunhas 90.000 toneladas, que é a primeira fase da cadea de valor".

"Todo isto cun investimento duns 120 millóns de euros e xerando uns 100-120 postos de traballo directos", asegura o responsable da empresa, que di que "temos estimacións de que se xerarían outros 200-220 postos de traballos indirectos en servizos auxiliares como medios de transporte, restauración ou talleres auxiliares".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos