Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Resilientes' contra o cancro de mama, exposición coa imaxe de pacientes reais no centro de Ferrol

'Resilientes' contra o cancro de mama, exposición coa imaxe de pacientes reais no centro de Ferrol

Pacientes e familias reclaman recursos 

G24.gal 19/10/2021 13:59

A súa é a imaxe da felicidade, nunha fotografía, pero tamén en carne e óso. María Díaz, Muñeca, para quen a coñece, comezou a súa relación co cancro de mama pouco despois de rematar a súa formación especializada como médica estomatóloga. Non era posible, polo tanto, suavizarlle o diagnóstico.

"Foi duro porque a min ninguén me podía enganar e eu sempre miraba as miñas probas e as miñas historias, pero leveino ben", di Muñeca.

Nunca perdeu o sorriso, e cando lle propuxeron ilustrar a exposición de mulleres reais pacientes de cancro, no corazón da súa cidade, non o dubidou. Tantos anos despois daquela primeira diagnose Muñeca volve enfrontarse ao cancro e quere sacar peito, o lema do Día contra o Cancro de Mama, para amosar que é posible vivir con el.

"Levo 32 anos loitando, xa levo moitas quimios e tratamentos, son un coello de indias... pero estou aquí", afirma.

Non é casual o título da exposición. Son resilientes todas as mulleres que prestaron a súa imaxe e se puxeron diante da cámara da fotógrafa Helena Segura-Torrella porque tamén desta dura experiencia sacan cousas boas.

"Por que isto? Porque quero dicirlle á xente que hai vida despois do cancro, e unha vida incluso mellor, porque priorizas cousas, dáslle importancia a outras que antes non pensabas". É a reflexión de Ague de la Barrera, outra das modelos desta exposición de mulleres reais. No seu caso, pasou a enfermidade fai xa 11 anos.

Cada día diagnostícanse en España máis de 33.000 novos casos de cancro de mama. Visibilizar a doenza para dotar de máis recursos a investigación e o tratamento é fundamental para facerlle fronte ao tumor maligno máis frecuente na muller.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade