Publicador de contidos
Publicador de contidos

As razóns que levaron o buque Blue Star a encallar en Ares hai seis anos

As razóns que levaron o buque Blue Star a encallar en Ares hai seis anos

Apúntase á "descoordinación" entre a tripulación, perda de aceite e mal estado do buque entre as causas 

G24.gal 10/01/2025 16:07

O quimiqueiro Blue Star encallou o 22 de novembro de 2019 nas rochas de Punta Miranda, no municipio de Ares (A Coruña), onde permaneceu 17 días, despois de dous intentos errados de remolcalo.

Agora publícase a investigación sobre o que ocorreu, na que se apunta a cuestións como a "descoordinación" entre a tripulación, perda de aceite e mal estado do buque entre as causas do sucedido.

A Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) publicou este informe no que tamén se remarca a "imposibilidade para contar con asistencia inmediata de remolcadores na zona de fondeo".

O feito é que Salvamento Marítimo "mobilizou inmediatamente" un remolcador desde A Coruña e uns minutos despois outro desde Ferrol.

O quimiqueiro encallou ás 23:40 horas, a pesar de que estes buques chegaron só uns minutos despois, "ningún dos dous remolcadores tivo a oportunidade de tentar facer firme un remolque ao Blue Star antes de que este encallase".

Nas súas recomendacións de seguridade, a Ciaim propón ás Capitanías Marítimas da Coruña e Ferrol que "valoren establecer un procedemento para xestionar o fondeadoiro en situacións de meteoroloxía moi adversa, dispoñendo de remolcadores en portos próximos (Ares ou Sada) ou con outras medidas de eficacia similar".

Tamén empraza a Portos de Galicia a que habilite no porto de Sada un calado suficiente para que poidan atracar buques de salvamento.

O barco, de 128 metros de eslora, sufriu o incidente entre as praias de Barrosa e A Canteira cun incendio na máquina.

Ocorreu cando saía do fondeadoiro de Ares para tomar práctico e entrar na Coruña, pero a avaría deixouno a mercé do vento e as ondas, e a alerta laranxa estaba decretada con ondas de cinco metros e ventos duns 100 quilómetros por hora.

O buque procedía de Bilbao e dirixíase a cargar 6.000 toneladas de produtos químicos na terminal de Repsol na cidade herculina.

Tras o seu desencallamento estivo nos estaleiros ferroláns de Navantia ata marzo de 2020, cando emprendeu unha viaxe de 20 días ata a cidade turca de Tuzla para a súa reparación. Actualmente o buque navega baixo bandeira de Malta e cambiouse o nome a Blue Bird.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade