'Sen perderte de vista' levou este martes revisións ópticas de balde a Rinlo
'Sen perderte de vista' levou este martes revisións ópticas de balde a Rinlo
O Colexio Oficial de Ópticos de Galicia e a Asociación Visión e Vida uníronse para pór en marcha a iniciativa 'Sen perderte de vista'
Ademais de revisións gratuítas, a través desta iniciativa vanse recoller datos para un estudo sobre canto pode afectar á saúde visual vivir en zonas pouco poboadas
Para conservar a capacidade visual son fundamentais as revisións periódicas dos ollos. Vivir en núcleos pequenos, sen fácil acceso a ópticas, dificulta facelo aínda que se teña a intención. Pois ben, o Colexio Oficial de Ópticos de Galicia e a Asociación Visión e Vida uníronse para pór en marcha a iniciativa 'Sen perderte de vista' que esta mañá achegou gratuitamente a saúde visual a Mariña de Lugo.
Se cadra, dos cinco sentidos, o da vista é o que máis preocupa perder. Para conservalo nas mellores condicións as revisións ópticas son fundamentais. Elisenda Ibáñez, coordinadora da asociación Visión e Vida di que hai que ter consciencia do importante que é pasar revisións periódicas porque co tempo podemos atoparnos con problemas maiores. A xente o sentido que máis teme perder é a visión.
A asociación Visión e Vida en colaboración co Colexio Oficial de Ópticos de Galicia puxeron en marcha o programa 'Sen perderte de vista'. Alberto Diéguez, delegado para a provincia de Lugo do Colexio Galego de Ópticos, di que isto é un programa piloto que comeza en Galicia e seguirá polo resto de España. O obxectivo é poñer en valor os servizos sanitarios básicos nas zonas máis illadas.
Mobilizan un gabinete de óptica por núcleos pequenos de poboación, onde a xente ten menos posibilidades de acceso a ópticas. A primeira parada foi nunha pequena localidade da Mariña. Ademais de revisións gratuítas, a través desta iniciativa vanse recoller datos para un estudo sobre canto pode afectar á saúde visual vivir en zonas pouco poboadas.