"Estamos facendo algo único en Europa, en 20 anos cambiará todo en Palas de Rei"
"Estamos facendo algo único en Europa, en 20 anos cambiará todo en Palas de Rei"
O conselleiro executivo de Altri indica que a empresa é "responsable" co desenvolvemento sostible e afirma que o proxecto non é comparable co de ENCE
Carlos Van Zeller explica que a auga se devolverá ao río "tratada e depurada" e cunha variación de temperatura inferior aos 3 graos
O conselleiro executivo de Altri, Carlos Van Zeller, explicou no Bos días os pormenores do proxecto que a empresa pretende instalar no concello lugués de Palas de Rei. A intención, asegura, é "transmitir á poboación o que estamos facendo" ante as reticencias que o proxecto está causando entre a cidadanía.
Van Zeller confesa que "esperaban" esta reacción, lembra que en Portugal -onde teñen instaladas tres factorías- son coñecidos por ser unha "empresa responsable en sostibilidade" e insisten en que a súa intención é facer un proxecto en Palas que sexa "único en Europa".
"Cremos que estamos facendo algo único en Europa para a industria téxtil. Co tempo a xente vai entender o que propoñemos".
O conselleiro executivo de Altri explicou na Televisión de Galicia que a intención da empresa é extraer da madeira 60.000 toneladas de celulosa e convertela "en algo sostible e reciclable". Para facelo, deberán a ter á súa disposición 46.000 metros cúbicos diarios de auga aínda, que Van Zeller matizou que esa cantidade será para responder a "chamadas puntuais", xa que a idea é situarse "moi por baixo de 20.000 toneladas".
Desde Altri afirman que unha vez empregada, a auga será devolta ó río "tratada e depurada" e indican que, tras a mestura, a temperatura da mesma non chegará aos 27 graos nin provocará unha variación de temperatura de tres grados centígrados. "Aínda non temos a enxeñería de detalle. Pero temos a experiencia do río Tello en Portugal e non imos chegar aos 3 graos".
O conselleiro executivo da empresa estima que a planta suporá a creación de 500 postos de traballo directos e outros dous mil indirectos e propiciará a dinamización económica da zona. "En 20 anos cambiará todo en Palas de Rei -asegura-. Comparar isto co proxecto de ENCE en Pontevedra non creo que sexa a mellor referencia".
Durante o período de exposición pública, o proxecto recibiu máis de 23.000 alegacións. Na entrevista, Carlos Van Zeller explicou que neste momento están traballando para responder a todas elas. Confían en que a Xunta lles dea a autorización ambiental e que o Ministerio de Industria responda, antes de final de ano, á petición formulada pola empresa para acceder aos fondos europeos.