Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trece anos de cárcere para unha parella de Lugo por maltratar o seu bebé

Trece anos de cárcere para unha parella de Lugo por maltratar o seu bebé

O meniño perdeu a visión dun ollo e terá secuelas físicas moi graves durante toda a vida

Retíranlles a patria potestade durante 15 anos e non poderán achegarse ao menor durante 12 anos

Deberán indemnizar o menor con máis de 900.000 euros

G24.gal 15/11/2022 16:24 Última actualización 15/11/2022 17:00

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a trece anos de cárcere os pais que maltrataron de forma reiterada o seu bebé.

O tribunal considéraos autores dun delito de lesións e doutro de malos tratos habituais no ámbito familiar.

Ademais da prisión, tamén lles impuxo a inhabilitación para o exercicio da patria potestade, tutela, garda ou acollemento durante 15 anos, así como a prohibición de achegarse a menos de 500 metros do menor e de relacionarse con el por calquera medio durante doce anos.

Os procesados tamén deberán aboar á vítima, a través da persoa ou entidade que teña asumida a súa tutela, 62.408 euros polo tempo de curación das súas lesións e 900.000 euros polas secuelas sufridas.

O tribunal entende probado que os acusados agrediron ao seu fillo “en reiteradas ocasións, propinándolle golpes e zarandeándoo cando se poñía a chorar” desde que o menor tiña un mes e ata que case tiña tres meses. 

Na sentenza, a sala afirma que “cando o neno berraba ou choraba, optaban por agredilo”.

Como consecuencia das agresións, o 16 de agosto de 2019 tivo que ser ingresado na UCI pediátrica do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo e, dada a gravidade do seu estado, foi derivado ao hospital A Paz de Madrid.

Secuelas de por vida

Os maxistrados explican na sentenza que resulta imposible determinar o estado clínico definitivo do menor, debido a que pola súa curta idade non se produciu o total desenvolvemento da súa motricidade e capacidades cognitivas, pero subliñan que

“Si pode asegurarse que mostrará unha perda total da visión do ollo esquerdo e alteración das funcións cerebrais superiores integradas, trastorno da linguaxe e epilepsia”. Ademais, indican que, “case con total seguridade, requirirá coidados de terceiras persoas en maior ou menor medida durante o resto da súa vida”.

As lesións relativas ao área neurolóxica e visual que sofre o menor, segundo a Sala, poden considerarse “derivadas do mecanismo de zarandeo recorrente en varias ocasións diferenciadas no tempo”.

Os maxistrados inciden en que os acusados “coñecían os riscos potenciais da súa actuación e que, a pesar diso, desenvolveron a conduta lesiva para co seu fillo”.

Os condenados, segundo a sentenza, tampouco “atenderon debidamente as necesidades do menor, non o mantiveron nas condicións hixiénicas e sanitarias saudables nin cumpriron con algunhas das revisións pediátricas correspondentes ao seu crecemento”.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar