Detido un pai en Lugo por maltratar o seu fillo
Detido un pai en Lugo por maltratar o seu fillo
Os veciños viron o menor sentado no muro dunha terraza e este pediulles que "chamasen a policía"
Axentes da Policía Local de Lugo detiveron un pai como investigado por un suposto delito de violencia doméstica, dado que é sospeitoso de maltratar o seu fillo menor de idade, física e psicoloxicamente.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, os feitos que motivaron o arresto do pai e a instrución de dilixencias por un delito de violencia doméstica para o Xulgado de Garda producíronse este martes -día 22 de outubro- nun domicilio da rúa Deputación, na cidade de Lugo.
Veciños desa rúa alertaron, a través do teléfono 092, de que había un menor sentado no muro da terraza dunha vivenda, con perigo de caer. A persoa que deu o aviso tamén informou o operador de que, ao pedirlle ao rapaz que se retirase do muro, este accedera, pero pedíralle que “por favor” chamase a policía.
Os axentes presentáronse de inmediato no lugar e accederon ao domicilio familiar. O menor estaba “moi nervioso e alterado”. Confesoulles que o seu pai o agredía e que sufría “malos tratos psicolóxicos frecuentes”.
Tamén lles contou que había uns días lle dera “unha labazada que lle rompera o beizo”, ademais de “pegarlle co puño e coa man”. Indicoulles, ademais, que a súa nai non vivía con eles.
O pai foi identificado e díxolles aos policías que ambos discutiran polo resultado dun exame no colexio. Entón, segundo a súa versión, o seu fillo tentou marchar da casa, pero el impediullo e produciuse un forcexo entre ambos.
O home foi detido e trasladado a dependencias policiais, onde se instrúen dilixencias para o xulgado de garda. O menor foi trasladado a un centro de acollida.