13 millóns de ecuatorianos votan nunhas eleccións marcadas polo asasinato de Villavicencio
13 millóns de ecuatorianos votan nunhas eleccións marcadas polo asasinato de Villavicencio
Se ningún candidato consegue o 40 por cento dos votos, haberá segunda volta
O voto no Ecuador é obrigatorio
13 millóns de ecuatorianos votan este domingo nunhas eleccións anticipadas marcadas pola inestabilidade e o asasinato dun dos candidatos presidenciais durante a campaña. Onte sábado rexistrouse outro tiroteo preto do lugar onde almorzaba outro dos candidatos.
O exvicepresidente e candidato Sonnenholzner posaba para unha foto cunha admiradora cando se produciu o tiroteo. Sucedeu na provincia costeira do Guayas durante o peche da campaña. A policía detivo catro homes e unha muller como autores dos disparos.
E o pasado día 8, sicarios colombianos acababan coa vida doutro dos candidatos, Fernando Villavicencio.
Neste ambiente de inestabilidade pola expansión das mafias do narcotráfico e o crime organizado, e entre chalecos antibalas, os ecuatorianos maiores de 18 anos teñen que votar nas eleccións anticipadas que se celebran este domingo. Elixen presidente, vicepresidente e lexisladores. Os colexios abren as sete da mañá hora local e pechan as cinco da tarde.
Os expertos non se atreven a prognosticar ningún resultado e advirten de que hai un número importante de indecisos. E o asasinato de Villavicencio, que segue aparecendo nas papeletas, podería mover votos cara a súa formación, liderada agora por Christian Zurita.
Se ningún dos aspirantes consegue polo menos o 40 por cento dos votos e unha diferenza de 10 puntos sobre o resto, haberá unha segunda volta, a celebrar o 15 de outubro.