150 motos clásicas déronse cita na ruta Internacional Terras de Padrón
150 motos clásicas déronse cita na ruta Internacional Terras de Padrón
Retaron a chuvia percorrendo 80 quilómetros por varios concellos da comarca
Só podían participar motos fabricadas antes de 1985
Un ano máis Padrón roxe no primeiro de maio. Un ruido, un cheiro e unha beleza especial, a das motos clásicas, que non faltaron á cita malia chuvia.
"Eu vou a todas as rutas que podo, a pasalo ben. Poño o traxe de augas e se chove que chova".
"O ruído, a sensación cando a apertas entre as pernas.... cando collo a moto clásica pónseme un sorriso na cara porque toda a xente mira, é moi bonito".
"É diferente, non ten explicación, e unha paixón", din algúns participantes.
Esa paixón é un dos requisito indispensables para participar na ruta, o outro ten que ver coa idade.
"Teñen que ser motos clásicas ou catalogadas como históricas, sempre de máis de 30 anos. Poden ser ciclomotores, motos para estrada, scooters, de trail...", explica Manuel Azpiazu, presidente do Club de Motos antigas Terras de Padrón.
As avoas da concentración veñen de Portugal. Teñen 97 anos e andan como o primeiro o día.
Preto delas, outra peza singular, unha Indiana cargada de historia.
"É unha moto americana do ano 47, cunha cilindrada de 1200. Veu a España por un policía de Barcelona, despois a Galicia para un familiar de Fraga e hai 4 anos compreina eu", comenta o dono.
Poderían ser pezas de museo, pero cómpre facelas rodar. O mellor plan para estes moteiros, mesmo cando o tempo non acompaña.