Os cursos para sacar o permiso A de moto atenderán máis ás situacións de risco en estrada
Buscan reducir a alta sinistralidade dos motoristas nas vías non urbanas
Durante a formación o alumnado deberá usar chaleco con airbag para ser consciente da protección que supón
Entre as novidades de Tráfico publicadas esta semana, o Boletín Oficial do Estado inclúe unha modificación do curso de acceso ao permiso A de moto. Trátase de concienciar os condutores da sinistralidade e da importancia de incorporar os novos sistemas de protección como o airbag para motoristas.
O 66 % dos motoristas que teñen un accidente de tráfico sófrenos en estradas e o 34 % en vías urbanas. O obxectivo do Ministerio do Interior é reducir a sinistralidade deste colectivo. Por iso, os novos cursos para o permiso A teñen máis contidos teóricos de sensibilización e tamén de coñecemento dos sistemas de axuda á condución que achegan as novas tecnoloxías. Ademais, gañan peso as prácticas en contextos reais.
"Aumentamos o tempo destinado á formación en circulación en vías abertas, en detrimento do tempo dedicado a circuíto pechado. Ademais nesas catro horas que deben circular en vías abertas, esíxese que o itinerario discorra durante dúas horas por estradas convencionais. Estas son as vías onde temos maior accidentalidade de motoristas", explica Montserrat Pérez, subdirectora xeral de Formación e Educación Viaria da DXT.
"Váiselles esixir aos alumnos que ademais do equipamento completo de moto: luvas, casco, cazadora, pantalóns e botas, teñan que levar un chaleco con 'airbag', o gran descoñecido ata agora. A ver se así se fomenta o seu uso", insiste Jesús Fernández, director da autoescola Montecarlo.
Deberano usar tanto alumnos como profesorado durante as prácticas para que constaten a importancia de protexer o tórax en caso de caída.
A entrada en vigor desta orde será o próximo un de xullo.