Un novo curso de condución segura permite recuperar dous puntos do carné
Poderase facer un curso cada dous anos ata chegar a un máximo de 15 puntos
A formación terá unha duración mínima de seis horas cunha parte teórica e outra práctica
Aqueles condutores que queiran recuperar dous puntos do carné de conducir, sempre e cando teñan un saldo positivo, poderán facer un novo curso de condución voluntario para obtelos. Son seis horas de formación teórica e práctica tanto para condutores de vehículos como de motocicletas.
Aumentar a seguridade viaria cunha mellora na condución é o obxectivo da Dirección Xeral de Tráfico, con estes novos cursos que poderán impartirse nos centros autorizados a partir das próximas semanas.
"Os cursos teñen unha duración mínima de seis horas lectivas. Hai contido teórico e práctico. No ámbito teórico establécense contidos relacionados coa sensibilización e concienciación. Incorpóranse os principais factores de risco: velocidade, distraccións e condución baixo os efectos do alcol e outras drogas. Ademais, faise unha referencia tamén ás novas tecnoloxías dos vehículos. En concreto fórmanse nos sistemas de axuda á condución", explica Montserrat Pérez, subdirectora xeral de Formación e Educación Viaria da DXT.
Estarán bonificados con 2 puntos, ata un máximo de 15, sempre e cando o saldo do condutor sexa positivo, e só se poderá facer un curso nun prazo de dous anos. Hai condutores que xa amosaron o seu interese por estaren moi próximos a rematar os puntos que teñen.
"Sempre tivemos alumnos que viñan á recuperación parcial de puntos. Agora que se coñeceu que se podían recuperar máis puntos facendo este tipo de cursos, estes días está habendo moitas chamadas preguntando por eles. Non hai un prezo oficial establecido para os cursos, réxense polo libre mercado", asegura Jesús Fernández, director da autoescola Montecarlo.
Tanto os condutores de automóbil como de motos e ciclomotores poderán facelos. Son cursos diferentes e os dous pretenden reducir os datos da sinistralidade nas estradas, que aumentou no último ano.