Máis do 96 % dos condutores non aprobarían hoxe o carné de conducir
Os motivos, os progresivos cambios na sinalización e os problemas para superar a proba práctica polos malos hábitos de condución que collemos co tempo
Se nos volvemos presentar ao exame teórico para sacar o permiso de conducir, o máis probable é que o suspendamos. Os condutores recoñéceno.
"Sinceramente, supoño que o suspendo".
"Fixo, e que á parte vaste esquecendo moitas das normas que están actuais e non nos actualizamos tampouco", comentan varios condutores
Cos datos que manexa a DXT máis dun 96 % dos condutores veteranos non pasarían a proba a día de hoxe.
"Porque hai moitas cousas novas, novas normativas, novos sinais e a xente non se recicla neste senso", apunta Cristina Sinde, profesora da autoescola SDS.
O tráfico evoluciona e con el os sinais e non sempre son de fácil interpretación.
"Algunha por intuición pódela ir sacando, pero outras veces non", continúa a profesora.
Non identificalas é non cumprilas, e iso é motivo de sanción. Tamén teriamos problemas para superar a proba práctica polos malos hábitos que imos collendo co tempo.
"Pois si, a forma de coller o volante, o levar unha man na panca de cambios, o poñer o punto morto de parar de todo o coche... pois son hábitos que se van collendo co tempo e que aí quedan", explica Cristina Sinde.
A DXT aconsella consultar periodicamente o catálogo de sinais para evitar algunha que outra sorpresa ao volante, algo que os condutores ven necesario.
"Debiamos facelo xa por iniciativa propia".
"Un pequeno repaso nunca vén mal, a verdade".
"Procuro cumprir as que vexo na estrada, e, se algunha non a coñezo, intento informarme de que significa", contan os condutores.