Dezasete anos de cadea para o home que durante dez anos agrediu sexualmente á filla da súa parella
Dezasete anos de cadea para o home que durante dez anos agrediu sexualmente á filla da súa parella
A Audiencia Provincial de Pontevedra considera probado que os feitos ocorreron desde que a vítima tiña 8 anos
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 17 anos de cárcere un home como autor dun delito continuado de agresión sexual a unha menor e un delito de lesións cometidos contra a filla menor de idade da que era a súa parella.
Segundo a sentenza, o tribunal considera probado que os feitos ocorreron desde que a nena tiña 8 anos e foi vivir co acusado, parella da súa nai, que tería con el outros fillos, ata que a vítima cumpriu os 18 anos e marchou a vivir co seu pai.
Polo sucedido, a moza sufriu unha síndrome ansiosa e tivo dous intentos de suicidio, o cal a levou a ter que recibir tratamento. Como secuela, presenta un trastorno de estrés postraumático en grao moderado.
Condena
Ademais dos 17 anos de cadea, o Tribunal imponlle a prohibición de comunicarse ou aproximarse a menos de 100 metros da vítima por un tempo superior en nove anos á pena de cárcere, e inhabilítao para exercer o dereito á patria potestade, tutela ou curatela durante seis anos.
Igualmente, inhabilítao para exercer oficio ou actividade que implique contacto con menores durante dez anos e imponlle a medida de liberdade vixiada por un tempo de oito anos.
En concepto de responsabilidade civil, establece unha indemnización de 9.900 euros pola lesión psíquica e outros 50.000 euros polas secuelas que padece a vítima.