Cento setenta pasaxeiros dun voo Santiago-Madrid teñen que trasladarse e embarcar no Porto
Cento setenta pasaxeiros dun voo Santiago-Madrid teñen que trasladarse e embarcar no Porto
Ryannair alega que desviou o avión de Madrid ao Porto por razóns de mal tempo
A compañía aérea trasladou a pasaxe en bus desde Santiago ata a vila portuguesa
A demora supera as tres horas e media e os pasaxeiros pensan reclamar unha compensación
O mal tempo foi a razón que esgrimiu Ryannair para explicarlle á pasaxe do seu voo Santiago-Madrid das catro da tarde que o avión que os tiña que recoller en Compostela rematase no Porto. Os pasaxeiros mostraban o seu desgusto mentres agardaban hora e media polos autobuses que a compañía aérea alugou para trasladalos ao Porto.
"Estaba previsto que chegásemos a Madrid sobre as cinco menos cuarto e imos chegar ás dez da noite".
Pasadas as cinco e media da tarde saía do aeroporto Rosalía de Castro rumbo ao Porto o último dos autobuses cos 170 pasaxeiros, a maioría molestos e suspicaces. Os datos de chuvia e de vento non foron destacables ás tres da tarde en Santiago e cada un tiña a súa teoría ao ver que avións doutras compañías seguían aterrando e engalando.
"Eu creo que o avión de Madrid si que aterrou e cambiárono polo que ía atrasado de Alacante e meteron os de Alacante no voo de Madrid".
Algúns elixiron outras vías para non perder conexións con outros voos ou xestións laborais.
"Iamos facer unhas xestións de traballo agora á tarde e a tarde xa está perdida".
A demora maior de tres horas obriga a compañía a afrontar o pagamento dunha compensación económica sempre que a razón non sexa de forza maior. Está por ver en que categoría se inscribe o mal tempo.