Máis de 18.400 persoas recibirán en xaneiro 416 euros ao abeiro do Bono Coidado
Máis de 18.400 persoas recibirán en xaneiro 416 euros ao abeiro do Bono Coidado
A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social explica que son os actuais perceptores da libranza por coidados na contorna familiar
As persoas que xa perciban outra axuda ou servizo da dependencia e queiran o Bono Coidado Familar deben acudir aos servizos sociais de referencia
Máis de 18.400 persoas, as que nestes momentos percibe a axuda da Xunta coñecida como libranza na contorna familiar, empezarán a recibir nos primeiros días do mes xaneiro as contías ao abeiro da activación do Bono Coidado no Fogar. En concreto 416 euros, mensuais para un total anual de 5.000 euros, segundo explicaba na Radio Galega a secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez.
"Agora mesmo xa o van cobrar de forma automática, sen ter que facer ningún tipo de trámite, aqueles que estaban percibindo a libranza de coidados na contorna familiar. Agora mesmo son máis de 18.400 persoas, as que de forma automática sen facer ningún tipo de trámite, nos primeiros días do mes de xaneiro verán na súa conta bancaria como mínimo 416 euros correspondentes a este Bono Coidado no Fogar".
Segundo a secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, as persoas dependentes que teñan concedida unha prestación maior poderán ver incrementada esa contía media mensual. Gómez detallou que este Bono Coidado no Fogar "se paga mensualmente, son 5.000 euros anuais pero a 416 ao mes, independentemente do grao de dependencia e independentemente da capacidade económica".
Con todo, engadiu, "se hai algunha persoa que tivese dereito pola súa capacidade económica a cobrar máis destes 416 euros a comunidade autónoma complemente cun 10 por cento máis e si que podería haber algunhas persoas que cobren máis dos 416 euros".
As persoas dependentes que teñan concedida outra axuda ou servizo da dependencia, como por exemplo o servizo de atención a domicilio, e queiran cambiar para este bono deben contactar cos servizos sociais de referencia para solicitar o cambio.
"Estas persoas terían que acudir aos seus servizos sociais de referencia -ben sexan os do Concello ou os do centro de saúde- e manifestarlle que quere cambiar a prestación que está recibindo agora polo Bono Coidado no Fogar. Faríase o trámite do cambio e pasarían a percibir este bono".
No caso dunha persoa en potencial situación de dependencia que non reciba ningunha axuda, o primeiro paso é acudir aos servizos sociais do Concello ou do centro de saúde -segundo indica a Xunta- para que inicien o proceso de valoración. Cando se resolva, un equipo profesional determinará o recurso máis acaído ás súas necesidades de coidado, ben sexa este bono ou calquera outra axuda económica.