Trinta expositores participaron na II Feira das Mascotas de Pontevedra
Trinta expositores participaron na II Feira das Mascotas de Pontevedra
A organización da feira destaca o auxe da comida saudable para cans e gatos
As mascotas son as protagonistas da feira que se celebrou en Pontevedra. Trinta expositores ofreceron aquí todo tipo de servizos e produtos relacionados co coidado e o benestar animal.
Postos de comida saudable son unha mostra do interese cada vez maior por coidar a alimentación dos cans.
"Temos alimentos de grao humano, que son unha novidade. Son produtos que podes darllos ao can ou ao teu gato e ao mesmo tempo comelos ti", explica Sonia Moralejo, a responsable da tenda.
"Antes dábaselles penso e nada máis. Agora preocúpanse moito pola alimentación", asegura Sonia Míguez, directora da Feira de Mascotas de Pontevedra.
Outro servizo en auxe é o da fotografía de mascotas.
"Queriamos ter un recordo e aproveitamos a feira para facer as fotos do can", di unha asistente.
Entre tanta oferta de todo tipo de produtos, as protectoras de animais son as únicas que convidan a non mercar, senón a coller en adopción os cans.
"Os máis bonitos, os de raza, son os que teñen máis saída, pero os outros cans tamén merecen ter un fogar", di Lucía Román, responsable da Canceira de Poio
A segunda edición da Feira das Mascotas rematou o domingo pola tarde no recinto feiral de Pontevedra.