Publicador de contidos
Publicador de contidos

41 candidaturas de 11 partidos concorren ás eleccións galegas

41 candidaturas de 11 partidos concorren ás eleccións galegas

Tras a análise da documentación, non foi proclamada en Lugo a lista de Esquerda por Almería

A publicación no DOG ratifica as candidaturas

As principais novidades son a reorganización do Espazo Común Galeguista, a presenza de Sumar Galicia e a candidatura de Democracia Ourensá (DO) nesa provincia

G24.gal 23/01/2024 13:15

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes as candidaturas proclamadas para as eleccións galegas do próximo 18 de febreiro, un paso que ratifica a súa oficialidade.

Así, a cita electoral enfrontará finalmente un total de 11 partidos, dez deles nas catro circunscricións electorais (e mais Democracia Ourensana na súa provincia), cun total de 41 candidaturas (fronte ás 56 que concorreron en 2020). Tras a análise da documentación, non foi proclamada en Lugo a lista de Esquerda por Almería.

A decisión da xunta electoral está vinculada cos requisitos regulados sobre a condición política de galego e o feito de que os integrantes da candidatura en cuestión non forman parte do censo electoral -algo que si sucede cos residentes no exterior-.

Tampouco cumprirían coa segunda vía para poder ser elixido na cita autonómica: estar empadroado nun municipio da comunidade, o requisito da veciñanza administrativa.

En todo caso, o presidente da formación, Juan Andrés Ruiz, trasladou a Europa Press a súa desconformidade coa decisión, á vez que avanzou a súa intención de presentar un recurso contencioso-administrativo pola decisión da xunta electoral de Lugo.

Á marxe de correccións de carácter técnico, as outras tres xuntas electorais provinciais xa anticiparan na pasada xornada que as listas rexistradas nas súas respectivas circunscricións foran proclamadas.

A publicación no DOG ratifica as candidaturas

A publicación definitiva no DOG ratifica que, de forma común ás catro circunscricións preséntanse en Galicia: PP, BNG, PSOE, Sumar Galicia (coalición), Podemos (coalición), Espazo Común Galeguista (coalición), Vox, Pacma, Escanos en Branco e Por un Mundo máis Xusto.

Estas dez listas son as únicas que, así mesmo, se presentan nas provincias da Coruña e de Pontevedra. Ademais, tras a anulación de Esquerda por Almería en Lugo, a principal novidade mantense en Ourense, onde rexistrou candidatura Democracia Ourensá (DO), o partido do alcalde da capital, Gonzalo Pérez Jácome.

Os cambios principais desde os comicios de 2020

Con respecto a hai catro anos, unha das novidades é a reorganización do Espazo Común Galeguista, que agora aglutina a Compromiso por Galicia.

Sumar Galicia xorde como herdeira do espazo das mareas (en 2020, Galicia en Común-Anova Mareas), aínda que Podemos se presenta por separado en coalición con Alianza Verde e Recortes Cero; mentres que Democracia Ourensá, que en 2020 non concorreu, faino agora.

Ciudadanos e Cidadáns de Galicia desaparecen, do mesmo xeito que UPyD (que só se presentou en Pontevedra). Tampouco se presenta o Partido Comunista dos Traballadores da Galiza, nin o Partido dos Autónomos e Profesionais e Partido Libertario (que só se rexistrou na Coruña). Tampouco haberá lista en solitario de Equo, de Converxencia 21 (que só se rexistrou en Lugo) nin de Contigo Somos Democracia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade