Publicador de contidos
Publicador de contidos

Presentada a documentación para que a Ribeira Sacra opte a Patrimonio Mundial

Presentada a documentación para que a Ribeira Sacra opte a Patrimonio Mundial

O primeiro paso importante será o 1 de febreiro de 2025 cando se oficializa a candidatura unha vez completados os trámites

En outubro celebrarase un congreso internacional no parador de Santo Estevo para impulsar o proxecto

G24.gal 28/09/2024 17:15

O conselleiro de Cultura da Xunta, José López Campos, confirmou que xa se presentou a documentación con todo o "estudo previo" para que a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra opte a ser recoñecida como Patrimonio Mundial pola Unesco no 2026.

Nunhas declaracións durante o retiro do Goberno galego en Sober, explicou que lle remitiron ao Ministerio de Cultura os documentos neste "primeiro prazo" de setembro e cónstalle que foi presentada tamén ante a Unesco "para o inicio da súa tramitación".

Haberá unha segunda fase en xaneiro de 2025 para "complementar" eses papeis, pero o primeiro paso importante será o 1 de febreiro cando se oficializa a candidatura unha vez completados os trámites.

López Campos dixo que aínda quedan "moitas cousas por facer", pero amosouse convencido de que a proposta, a única que presentará España para 2026, é "moi sólida, moi traballada" e "a mellor posible".

Retiro en Sober

Precisamente, a Xunta decidiu realizar en Sober este retiro, que non se celebraba desde os mandatos de Manuel Fraga, para apoiar a candidatura da Ribeira Sacra, aínda que o encontro tamén servirá para perfilar as liñas estratéxicas do Goberno galego nesta lexislatura.

Tras un primeiro encontro do gabinete dirixido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, López Campos foi o encargado de explicar a tramitación da candidatura e poñer en valor "o gran traballo" que fixeron os concellos, as entidades sociais e todos os colectivos implicados.

Lembrou que a Ribeira Sacra tivo unha primeira candidatura, que foi retirada no 2021, e destacou que se tivo "a intelixencia de retrotraer o procedemento para darlle un valor especialmente singular", polo que esa decisión se converteu "nun acerto".

Proposta única

O conselleiro de Cultura considera que agora conta coa fortaleza de estar vinculada ao mundo da auga e das fontes, ademais de contar cun "elemento a favor moi importante": ser a proposta única de España, co apoio "de todas as comunidades".

Segundo dixo, os técnicos da Unesco e do organismo vinculado Icomos (Consello Internacional de Monumentos e Sitios) estarán o vindeiro verán en Galicia para supervisar o ámbito de actuación da Ribeira Sacra e en xuño de 2026 xa sería por fin declarada Patrimonio Mundial.

En todo caso, advertiu que vai ser unha "competencia dura" porque España é o quinto país con máis bens Patrimonio Mundial o que obriga a preparar máis as candidaturas.

Congreso en outubro en Santo Estevo

A Xunta celebrará os días 27, 28 e 29 de outubro un congreso internacional no parador de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín, para impulsar a candidatura con especialistas en bens patrimoniais e representantes de institucións culturais e académicas.

O embaixador de España ante a Unesco, Miguel Iceta, tamén foi convidado a este simposio, que se chamará Fontes, e amosou a súa intención de asistir.

Ademais, a Xunta aprobou este sábado unha declaración institucional para referendar o seu compromiso con esta candidatura, que se puxo en marcha no 2017, e agradecer a implicación  dos municipios, institucións, asociacións e veciños do territorio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade