4.567 voos nos aeroportos galegos na despedida do ano
4.567 voos nos aeroportos galegos na despedida do ano
Segundo os datos de AENA, entre o día de Noiteboa e o de Reis operarán máis de 97.000 voos en España
O día de Noitevella é un dos de máis trasfega na Lavacolla
O período de Nadal adoita ser época de moita trasfega nos aeroportos. En total, segundo os datos de AENA, entre o día de Noiteboa e o de Reis operarán máis de 97.000 voos. E o 31 de decembro é un dos días de máis tránsito.
Por iso, a de Noitevella é unha xornada moi intensa na terminal de pasaxeiros do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago. En total, entre o día 31 de decembro e o día de Aninovo operan aquí case 100 voos: cincuenta chegadas e outras tantas saídas de avións con persoas que viaxan nesta data tan especial.
Veñen de Xenebra, de Tenerife ou de Barcelona. Van a Londres, a Mallorca ou a Roma. Miles de pasaxeiros que ateigan a Lavacolla andan de aquí para alá. Facendo rodar as maletas, con agasallos nas bolsas e moitos cos nenos collidos da man. Uns regresan á casa despois das festas, outros buscan despedir o ano cos que máis queren.
Coa última uva, Aena fará reconto. Despois de que os tres aeroportos galegos bateran marcas a finais de novembro, esperáse que 2024 deixe como dato un máximo histórico de pasaxeiros.