Publicador de contidos
Publicador de contidos

A activista galega Ana Baneira liberada en Irán chega este luns a Galicia

A activista galega Ana Baneira liberada en Irán chega este luns a Galicia

A muller coruñesa de 24 anos fora encarcerada por participar nunha protesta pola morte de Mahsa Amini

Ana é unha activista medioambiental moi coñecida, tamén no mundo do fútbol porque foi árbitra

A familia Baneira agradece o respecto con que se tratou a situación de Ana, coa que agardan reencontrarse o luns

Ana Baneira / Foto das súas RRSS
G24.gal 26/02/2023 19:01 Última actualización 26/02/2023 21:27

A moza activista galega Ana Baneira Suárez, de 24 anos, liberada o sábado polas autoridades de Irán, onde estaba presa desde novembro, voa xa de regreso a España e espérase que chegue a Galicia este luns pola mañá, informa o Ministerio de Asuntos Exteriores.

Baneira, que pertencía a unha ONG de dereitos humanos, foi arrestada a principios de novembro supostamente por participar nas protestas desencadeadas tras a morte baixo custodia policial en setembro de Mahsa Amini, a moza kurda de 22 anos que fora detida en Teherán por levar mal colocado o hiyab, o veo islámico.

Tanto o Goberno coma o PSOE e mais a familia da cooperante manifestaron a súa satisfacción pola excarceración de Baneira.

O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, confirmou que a cooperante española viaxou xa desde Teherán a Dubai e desde alí a Xenebra, desde onde voará á Coruña, para estar o luns cos seus familiares e amigos.

A muller falou con Albares, a quen asegurou que se atopa en bo estado, e expresou a súa alegría por volver á casa e o seu agradecemento polas xestións realizadas polo Goberno para a súa liberación.

A cooperante estivo en todo momento acompañada polo embaixador español en Teherán, Anxo Losada, desde a súa liberación, asegurou Albares.

O titular de Exteriores expresou a súa satisfacción pola liberación da moza coruñesa, que se produciu este sábado, aínda que non se fixo público "ata que o seu avión engalou de Teherán", e subliñou que "o importante é que xa está liberada".

Durante os últimos tres meses, o ministro conversou telefonicamente co seu homólogo iraniano en varias ocasións para solicitarlle a liberación inmediata de Baneira, "porque os cargos dos que a acusaban eran completamente infundados".

Tamén a voceira do PSOE e ministra de Educación, Pilar Alegría, manifestou a súa "satisfacción" pola liberación de Baneira, nunha rolda de prensa celebrada na sede do PSOE de Ferraz, na que dedicou as súas primeiras palabras a esta cooperante.

A familia da moza galega explicou nun comunicado que "Ana está desde o sábado pola tarde de camiño de volta á casa".

"Queremos empezar agradecendo aos medios de comunicación o respecto co que se tratou este asunto durante estas semanas eternas de espera", sinalaron, á vez que demandan "espazo e intimidade" para atender a chegada da filla e irmá.

O ministro de Exteriores confirmou que continúa facendo xestións para a liberación do outro español preso tamén en Irán, Santiago Sánchez Cogedor, detido en outubro en Saqqez, no Kurdistán iraniano, tras visitar e fotografar a tumba de Amini. A morte desta muller orixinou unha vaga de protestas no país e en gran parte do mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade