A administración de Neda sela un boleto premiado cun millón de euros
É unha aposta do sorteo especial do Euromillón
É moi probable que entre os veciños de Neda haxa un novo millonario, alguén aínda sen identificar que selou unha aposta do Euromillón e gañou un millón de euros no sorteo especial da "Chuvia de Millóns". É o premio máis alto que reparte a administración de lotería da vila.
Carlos López, o seu dono, deitouse este venres coa satisfacción de saberse o intermediario entre a fortuna e un novo millonario. Hoxe abriu o seu negocio consciente de que, de xeito inevitable, ía escoitar en voces distintas a mesma pregunta: "Sabes a quen lle tocou?".
Está feliz polo gañador e tamén por el mesmo. Leva máis de tres décadas traballando na Administración nº 1 de Neda, os últimos sete anos como propietario, e nunca antes dera un premio tan importante coma este. Cre que os cartos han quedar no concello.
A chamada "Chuvia de Millóns" é un sorteo especial que reparte cen premios dun millón de euros entre todas as apostas do Euromillón. O recordo do que quedou en Neda ten xa un lugar reservado na parede da sorte da administración de Carlos.