A Primitiva deixa case 1,4 millóns de euros na Coruña
A Primitiva deixa case 1,4 millóns de euros na Coruña
Só se sabe que o novo millonario selou o billete no quiosco da praza de España
"A min non me tocou...". "Eu non son...".
Este venres eran moitos os que se achegaban a este quiosco da praza de España da Coruña para comprobar se fora a eles a quen, desta volta, lles sorrira a deusa Fortuna. Porque, polo momento, do agraciado con 1,4 millóns de euros na Primitiva non se sabe nada.
"Non sabemos quen é. Tampouco se marcou el os números ou se foi automática", explica Antonio Pato, o xerente da administración de loterías.
O que si se sabe é que non houbo gañadores do premio especial, isto é: os seis números e mais o reintegro. Pero si houbo un único acertante que deu cos seis números da combinación gañadora, unha única persoa en toda España. E sábese tamén que selou o seu boleto no quiosco da praza de España.
"Eu xogo sempre e nunca me toca...". "A min tocoume unha vez un segundo premio...". "Eu xogo, pero...".
Porque é sabido que... a esperanza é o último que se perde.
"O que se perde pouco a pouco son os cartos...".
E, mentres, moitos botan a voar a súa imaxinación para ver que farían con case 1 millón 400.000 euros.
"Repartir, que fai moita falta". "Eu daría a volta ao mundo...". "Eu retiraríame e despois... a vivir a vida".
Porque segundo o refraneiro popular... de ilusión tamén se vive.