Publicador de contidos
Publicador de contidos

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartin, defende a Alba de Compostela como un "orgullo" para a cidade

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartin, defende a Alba de Compostela como un "orgullo" para a cidade

A rexedora di que a celebración seguirá en anos vindeiros

G24.gal 25/07/2023 17:03 Última actualización 25/07/2023 17:30

O Teatro Principal de Santiago acolleu a primeira edición do Alba de Compostela, a nova homenaxe do Concello de Santiago a personalidades da cidade no Día de Galicia. Con el conmemórase o discurso Alba de Gloria, que Castelao leu en 1948 en Bos Aires.

"Esta celebración que nace para conmemorar a Castelao, o seu inmortal discurso e tamén para festexar mulleres e homes do noso tempo que constrúen Compostela, que fan que este concello sexa aínda máis grande, unha realidade colectiva, unha cidade histórica cun futuro tecido por moitas mans, moitas cabezas e moitos corazóns", dixo a alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín.

Fronte ás "razóns espurias" ás que apuntaron outros grupos políticos -que mesmo o tacharon de ilegal-, a alcaldesa afirma que o "concello non merece conflitos innecesarios e si ilusión por cada día que amence".

"Mostrar o orgullo do que somos, o orgullo de persoas e colectivos, que desde o amencer ata o ocaso, cada día, fan que este concello camiñe cara adiante", proseguiu.

Un dos recoñecidos foi o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, que salientou a importancia de mesturar "historia e tradición" nun acto como este que representa, para el, a esencia do que significa a capital galega.

A decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Sociocomunitario de Vite, Rosa Álvarez, aínda que naceu en París, declarou que Santiago é a súa "cidade".

Por iso agradeceu especialmente a aqueles que "sen ter nada, construíron cidade, construíron Compostela" hai décadas.

Aos equipos femininos do Hóckey Club Raxoi representounos Antonio Blanco, que recalcou a importancia do deporte dentro do proxecto de cidade e o seu impacto ao chegar a numerosos puntos fóra do termo municipal.

A propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella, Ángeles González Porto, reivindicou o "orgullo" da cidade e a importancia da unión para avanzar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade