As vítimas do Argos Georgia e a defensa da unidade protagonizan a Ofrenda ao Apóstolo
As vítimas do Argos Georgia e a defensa da unidade protagonizan a Ofrenda ao Apóstolo
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, volveu ser o delegado rexio en ausencia de Filipe VI
O recordo ás vítimas do naufraxio do pesqueiro Argos Georgia nas Illas Malvinas, con nove mortos -dous españois- e catro desaparecidos, a defensa da unidade e a migración protagonizaron a Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago nas palabras do delegado rexio, Miguel Santalices, e do arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto.
O presidente do Parlamento galego, que aceptou o encargo do rei Filipe VI, xa exercera como delegado rexio nos anos 2016 e 2018 nesta ofrenda que se celebra cada 25 de xullo desde que foi instaurada por Filipe IV en 1643.
Antes da misa solemne na Catedral de Santiago, nos actos protocolarios que se desenvolveron na Praza do Obradoiro, formaron parte da comitiva de acompañamento de Santalices o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín -que non se incorporou á cerimonia relixiosa-, conselleiros e outras autoridades civís e militares.
"Poucas honras poden compararse co de representar á súa maxestade Filipe VI na ofrenda", dixo Santalices no seu discurso na catedral, onde asegurou que o pobo "aprecia e apoia" o rei "como símbolo da unidade e permanencia do Estado".
Defendeu unha "España que sexa capaz de atopar un camiño de concordia en que todas as sensibilidades teñan acomodo dentro do respecto á lei", un país no que "todos" gocen dos "mesmos dereitos" e teñan acceso a "prestacións e servizos públicos similares con independencia da idade ou o lugar".
Santalices aplaudiu que "a conciencia ambiental" sexa unha "feliz realidade, especialmente, entre os máis novos", pero urxiu a "dar pasos" adiante "para frear o que pode ser unha ameaza" e apelou a "buscar o equilibrio entre actividades humanas e a preservación de recursos naturais", a atopar "puntos de encontro" e fuxir de "posicións maximalistas".
O delegado rexio tamén advertiu da necesidade do "consenso, sentido común e xenerosidade" para abordar a "presión migratoria", clamou pola paz, o respecto dos dereitos humanos e a legalidade internacional e por enfocar, desde a implicación de particulares e institucións, "o drama da violencia de xénero", así como a atención os maiores.
O presidente do parlamento autonómico tivo "presentes os que xa non están", con palabras de recordo para os tripulantes falecidos e desaparecidos do palangreiro Argos Georgia: "O noso corazón está ao seu carón", dixo ao dirixirse tamén ás familias e amigos das vítimas e á xente mariñeira que "afronta de novo a traxedia do mar".
Santalices acordouse das vítimas da traxedia ferroviaria de Angrois, en Santiago de Compostela, hai once anos, as do terrorismo e as de "calquera outra forma de violencia".
Do mesmo xeito que o delegado rexio, o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, expresou a súa "consternación e tristeza" polo afundimento do pesqueiro Argos Georgia nas illas Malvinas e lembrou as familias e a xente do mar.
Na homilía, apelou ao compromiso con "a mellor política, a que está verdadeiramente ao servizo do pobo, do ben común, da fraternidade", e acordouse das vítimas de "toda violencia e inxustiza, das guerras".
Indicou tamén que "a nosa época está dominada pola crise" e citou a económica que marcou o último decenio; a da familia e os modelos sociais consolidados; a das institucións e "a dura crise" dos migrantes, que na súa opinión "mostran o medo e a profunda desorientación do home contemporáneo".
Con todo, precisou que a palabra crise non ten por si mesma unha connotación negativa e remitiuse á súa orixe, a afrontala como "un tempo de desafíos e de oportunidades".
O arcebispo afirmou que "cabe a posibilidade de edificar sociedades autenticamente laicas, sen contraposicións ideolóxicas, nas que atopan igualmente o seu lugar o próximo e o afastado, o crente e o non crente".
Así, avogou por procurar "unidade das diferenzas e unidade nas diferenzas" e advertiu de que "o singular e peculiar non debe asustar, nin se pode pensar que a unidade se preserva coa uniformidade", senón que "esa unidade é máis ben a harmonía do diverso, das diversas persoas e pobos".
Prieto dixo que a sociedade atopará de novo a esperanza na solidariedade, cando se invista nun desenvolvemento que abarque a todo o ser humano, cando se abre o futuro aos mozos, ou cando se respecta a conciencia e os ideais dos cidadáns e se defende "toda vida e todas as vidas".