A popular García-Pelayo sucede o socialista Abel Caballero á fronte da FEMP
A popular García-Pelayo sucede o socialista Abel Caballero á fronte da FEMP
A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, asume a vicepresidencia primeira
O PSOE impugna o proceso de elección dos órganos de goberno da Federación
O mandato do socialista Abel Caballero á fronte da Federación Española de Municipios e Provincias chegou ao seu remate. Coma cada catro anos, o organismo renovou os 25 membros da súa xunta de goberno e adaptou a estrutura aos resultados dos comicios municipais de maio.
"Asegúrolles que imos traballar para non decepcionalos, e votaran o que votaran hoxe se sintan orgullosos do grupo de mulleres e de homes que toma a remuda do equipo anterior, con ambición e con ganas", afirma a nova presidenta.
María José García-Pelayo, de 55 anos e licenciada en Dereito, chega á Federación Española de Municipios e Provincias como candidata do PP despois de facerse coa alcaldía de Xerez en maio, no que é o seu terceiro mandato.
"Imos intentar, partindo de todo o bo que teña feito, de todas esas luces que tiña o goberno anterior, imos traballar para que aínda haxa máis luz, luz en todos os concellos de España", asegura.
A popular apelou ao entendemento e o diálogo para que organismo sexa útil á cidadanía.
"Se hai algo que non esperan os cidadáns de nós é a lea. Eu asegúrolles que pase o que pase cada día vou esforzarme porque haxa entendemento, non vou renunciar nin un segundo ao diálogo".
O socialista Abel Caballero, que ocupou a presidencia do organismo municipal durante os últimos oito anos, despedíase do pleno pola mañá co compromiso de colaborar coa nova dirección e coa demanda dun novo modelo de financiamento local.
"Queda pendente a lei de base de réxime local e ten que ser reformada. No momento en que se inicie a negociación do financiamento autonómico, nese momento iníciase o proceso de negociación do financiamento local en paralelo", apuntou.
A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, asume a vicepresidencia primeira. Coa súa elección, a cidade volve formar parte da dirección executiva da FEMP despois de 17 anos.
O PSOE anunciou que vai impugnar o proceso de elección dos órganos de goberno da FEMP porque considera que se incumpriron os estatutos do organismo e estudará as medidas legais oportunas.