A análise toxicolóxica do cadáver de Liam Payne confirma que consumiu "cocaína rosa" e outras drogas
A análise toxicolóxica do cadáver de Liam Payne confirma que consumiu "cocaína rosa" e outras drogas
A análise toxicolóxica do cadáver de Liam Payne confirma que consumiu "cocaína rosa" e outras drogas
No cuarto do hotel de Bos Aires en que se aloxaba Payne, os axentes atoparan restos de bebidas alcohólicas e drogas
Liam Payne, antigo membro da boyband One Direction faleceu o pasado mércores 16 de outubro aos 31 anos en Bos Aires tras caer desde o terceiro piso do hotel Casa Sur Palermo, onde se hospedaba. Agora, a análise toxicolóxica revelou que o cantante británico consumira "cocaína rosa" (unha combinación de metanfetamina, ketamina e MDMA) e outras substancias.
O informe preliminar da análise forense sinalara como a causa da morte o "politraumatismo" derivado da caída, que provocou unha "hemorraxia interna e externa". En todo caso, tamén transcendera que o artista se atopaba baixo o efecto das drogas nos momentos previos á caída, algo confirmado pola análise toxicolóxica.
Segundo recolle ABC News, no cuarto en que se aloxaba Payne os axentes atoparon restos de bebidas alcohólicas, drogas, medicamentos, unha pipa de aluminio improvisada para inxerir diferentes substancias e numerosas refugallos materiais.
Os traballadores do hotel xa deran a voz de alarma aos servizos de emerxencias antes do tráxico suceso e notificaran o preocupante estado dun dos hóspedes (presumiblemente Payne) pedindo axuda. Tal e como sinala a transcrición dun dos avisos recollida por BBC News, o persoal temía pola vida do hóspede, especialmente por atoparse este nun cuarto con balcón.
Os servizos de emerxencias tardaron menos de dez minutos en chegar ao lugar dos feitos despois de recibir un aviso pasadas as 17:00 horas (hora local), acharon o corpo sen vida de Payne no patio interior do hotel e non puideron reanimalo. "Un equipo do SAME comprobou o falecemento (...) Presentaba lesións incompatibles coa vida, produto da súa caída. Tivemos que constatar o falecemento", sinalou o director do Sistema de Atención Médica de Emerxencia (SAME) de Bos Aires, Alberto Crescenti, en declaracións á cadea de televisión TeleNoticias.
Harry Styles, Niall Horan, Louis Tomlinson e Zayn Malik, os antigos compañeiros de Payne en One Direction, emitiron hai uns días un comunicado conxunto expresando a dor pola perda do seu "irmán". Payne asistira días antes da súa morte ao concerto de Horan no Movistar Area na capital arxentina