Publicador de contidos
Publicador de contidos

Case mil músicos participan en Pontevedra no Certame Galego de Bandas

Case mil músicos participan en Pontevedra no Certame Galego de Bandas

Hai quince formacións musicais que compiten para obter os premios do concurso

A Xunta asinou un convenio coa Federación Galega de Bandas, que implica unha subvención de 200.000 euros anuais e a organización deste certame

G24.gal 19/10/2024 22:10

As bandas de música teñen un grande arraigamento no ámbito local e estes días converxen en Pontevedra para amosar as súas virtudes. Compiten por premios que suman, en total, 20.000 euros en distintas categorías, que van da infantil á sénior. Do que non hai dúbida é de que existe unha potente canteira musical.

 "O máis bonito, sinceramente, son as bandas infantís e xuvenís, que son rapaciños que non levantan un palmo e que o bombo é máis grande ca eles. Gústannos as bandas xuvenís polo que é a canteira, pero ao final hai aquí xente de noventa anos", sinala Iván Estévez, director da Federación Galega de Bandas de Música.

Este Certame Galego de Bandas inclúe varias de fóra de Galicia e este sábado puideron escoitarse formacións de Meaño, A Estrada, Coruxo, Lalín, ou Arcade a carón doutras de Alginet e Benavente, entre outras. Hai coincidencia en que prepararse para este evento constitúe un reto superior.

"Unha experiencia inesquecible, paréceme incrible todo o que conseguimos en tan pouco tempo de preparación", conta Cintia Tilve, unha intérprete moi nova da banda de Tenorio.

 "Ao final, preparar este certame o que nos fixo foi dar un nivel musical moi grande de xente que igual antes non tiña tanto interese en preparase, en facer esforzos para que a banda soase ben", explica David, un mozo integrado na banda de Arcade.

En Pontevedra estase a falar moito do nivel de calidade das bandas de cativos e de maiores da nosa terra. 

"Pois, as bandas galegas creo que están agora mesmo ao máximo nivel de España e tamén de Europa se podemos comparar", di Franco Goyo, compositor seleccionado para este evento.

Cada unha das formacións musicais debe interpretar unha peza de presentación, unha obra de libre escolla e unha terceira proposta pola organización.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade