A antiga Bolsa de Copenhague, arrasada polas lapas
A antiga Bolsa de Copenhague, arrasada polas lapas
O incendio, de orixe descoñecida, segue fóra de control
As lapas provocaron a derruba de parte do teito e fixeron caer a agulla do emblemático edificio
O edificio da antiga Bolsa de Copenhague, do século XVII, está envolvido este martes polas lapas por mor dun incendio de orixe ata o de agora non determinado que provocou a derruba de parte do teito e da agulla da súa torre. "Conforme se queiman as estruturas, partes do edificio estanse derrubando", afirmou Jakob Vedsted Andersen, director dos servizos de incendios e rescate de Copenhague.
Os servizos de emerxencia e os bombeiros traballan para tratar de apagar o lume, que segue fóra de control. Dan por feito que o operativo vai durar case todo o día, xa que o lume afecta aproximadamente á metade deste histórico inmoble do século XVII.
O director dos servizos de emerxencia de Copenhague afirma que o edificio está rodeado por estadas e non desbota que a construción colapse.
"Seguimos loitando contra as lapas; ao queimarse as estruturas interiores, os muros desestabilizáronse, e niso é no que nos estamos centrando agora".
O lume está provocando importantes estragos materiais, pero non hai feridos. No operativo traballan 120 bombeiros e uns 60 efectivos das Forzas Armadas, que tentan rescatar obxectos de valor do edificio.
A policía acordoou unha ampla área xunto ao edificio, situado nunha zona céntrica e varias ás do castelo de Christiansborg, sede do Parlamento, que se atopa preto do edificio en lapas, foron evacuadas por precaución.
Conmoción en Copenhague pola virulencia do incendio
Representantes da vida política danesa amosaron a súa conmoción nas redes sociais polo sucedido. A primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, cualificou o incendio de "horrible" e lamentou que ardera "un anaco de historia de Dinamarca".
O responsable de Defensa, Troels Lund Poulsen, amosou a súa consternación polo sucedido na rede social X. "Imaxes horribles da Bolsa. Moi triste. Un edificio icónico que significa moito para todos nós. O noso momento Notre Dame".
Frygtelige billeder fra Børsen. Så trist. En ikonisk bygning, der betyder meget for os alle, tror jeg. Vores eget Notre Dame-øjeblik. pic.twitter.com/X0jWjfUFVc
— Troels Lund Poulsen (@troelslundp) April 16, 2024
400 anos de legado cultural danés en lapas
O inmoble, un dos máis antigos que se conservan en Copenhague, foi construído entre 1619 e 1623 por orde do rei Christian IV. Funcionou como bolsa da capital danesa ata 1974.
Actualmente era a sede da Cámara de Comercio e a súa fachada levaba meses cuberta por estadas para ser restaurada. Expertos citados nos medios sinalan que é posible que os labores de remodelación do edificio incrementasen o risco de incendio, malia que aínda se descoñece a causa concreta que provocou o lume.
As catro colas de dragón entrelazadas da agulla estaban rematadas por tres coroas, como símbolo do imperio escandinavo integrado por Dinamarca, Noruega e Suecia.
Segundo antigas lendas, o dragón protexía o edificio contra ataques inimigos e incendios e, como relata a guía, a construción salvouse misteriosamente ata hoxe e en moitas ocasións de sufrir danos cando se produciron incendios en edificios veciños.
O Palacio de Christiansborg (actual Parlamento danés) queimouse varias veces e recentemente, en 1990, produciuse un incendio no próximo Proviantgaarden en Slotsholmsgade (rúa Slotholm).
Na actualidade, a Antiga Bolsa de Valores utilízase para ceas de gala, conferencias, festas e outros eventos e non está aberta ao público.