O Secretariado Xitano, a Asociación de Directivas de Galicia e a maxistrada María Teresa Cortizas, medallas Pardo Bazán
O Secretariado Xitano, a Asociación de Directivas de Galicia e a maxistrada María Teresa Cortizas, medallas Pardo Bazán
O Secretariado Xitano, a Asociación de Directivas de Galicia e a maxistrada María Teresa Cortizas, medallas Pardo Bazán
A antiga fábrica de Tabacos da Coruña acolleu a cerimonia
A antiga fábrica de Tabacos da Coruña acolleu a cerimonia de entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán, que concede a Xunta de Galicia para distinguir as persoas e institucións que traballan pola igualdade. O Secretariado Xitano, a Asociación de Directivas de Galicia e a maxistrada María Teresa Cortizas son as galardoadas este ano.
A Xunta premiou a "loita pola igualdade" da Fundación Secretariado Xitano, a Asociación Executivas de Galicia e a xuíza María Teresa Cortizas-Criado, na entrega das medallas Emilia Pardo Bazán. Foi nun acto na Audiencia Provincial da Coruña, coa presenza de distintas autoridades, entre elas o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen apostou por seguir a senda "dun feminismo amplo".
O presidente da Xunta resaltou o labor dos premiados e incidiu na importancia de loitar pola igualdade efectiva de homes e mulleres desde todos os ámbitos da sociedade para continuar, dixo, o legado daqueles galegos e galegas que foron pioneiros na defensa dos dereitos das mulleres.
Durante a entrega das medallas, Rueda puxo como exemplo deses galegos singulares á escritora que dá nome a estes galardóns e á que definiu como unha das fundadoras do feminismo.
Neste sentido, sostivo que Pardo Bazán entendía que a reivindicación feminina "non era monopolio de ningunha ideoloxía en especial" e apostaba por unha alianza de mulleres e homes en aras dun "obxectivo compartido".
Sobre as premiadas, asegurou que demostran que a defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres está presente en ámbitos diferentes do día a día.
As galardoadas nesta edición
Nesta quinta edición, as medallas Emilia Pardo Bazán foron para a xuíza e delegada de Igualdade da Sala do Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), María Teresa Cortizas-Criado, que se encarga da formación do persoal da adxudicatura en materia de violencia de xénero e igualdade, así como de impulsar a execución do plan de igualdade da carreira xudicial.
Tamén para a Fundación Secretariado Xitano, por mellorar a integración sociolaboral das mulleres xitanas, loitando contra a discriminación; e para a Asociación Executivas de Galicia, das que Rueda subliñou o seu traballo para dar visibilidade a galegas referentes na súa actividade profesional.