A apisoadora blaugrá acaba co soño copeiro do Cangas
A apisoadora blaugrá acaba co soño copeiro do Cangas
O gran favorito para o título derrotou os do Morrazo nos cuartos de final por 42-26
Cumpriuse a lóxica na eliminatoria de cuartos de final entre o Barcelona e o Frigoríficos do Morrazo. O equipo blaugrá impúxose con claridade (42-26) e o equipo galego só estivo metido no partido os primeiros 15 minutos. O tremendo potencial do cadro catalán quedou patente e demostra ser o gran favorito para acadar un novo título.
Ata o 7-7 houbo equilibrio, pero o Barcelona comezou a desatar a súa furia ofensiva cun parcial de 8-1 (15-8) co que comezou a decantar a eliminatoria. A secuencia anotadora do Barça no descanso era espectacular (25-15) con case un gol cada minuto, algo que está ao alcance de moi poucos equipos en todo o mundo.
Temporizou un pouco máis o equipo de Ortega no segundo tempo pero a diferenza continuou en aumento. O Cangas comezou a pensar máis no dobre compromiso co Burgos no que se xogará a permanencia da Asobal (o vindeiro mércores comeza a eliminatoria) e a segunda parte quedou como un mero trámite.