A ardentía ilumina as augas de Sada
A ardentía ilumina as augas de Sada
É un fenómeno natural causado pola bioluminescencia duns microorganismos mariños
O pasado verán, a beleza do mar de ardora atraeu centos de visitantes ás praias da Costa da Morte. Esas augas brillando na noite non son tan habituais en lugares como Sada, pero alí tamén se puideron ver estes últimos días.
O azul da ardentía iluminou as augas da praia de Morazón, como aquel mar fosforescente que atravesou o Nautilius de Julio Verne en Vinte mil leguas de viaxe submarina.
"Ves a auga como se fose fosforescente, miras para a proa e ves arder as augas. O peixe, cando hai ardor, vese na proa, ves unha especie de luces. Son os peixes que van diante de ti", explica Ricardo Serrano, un mariñeiro sadense.
"Cando ía ao mar de rapaz diciamos que ardían as augas. Había veces que cadraba ás sardiñas e víase todo o peixe", lembra Alberto Castro, da confraría de Sada.
O mar de ardora é un fenómeno natural fermoso e máxico ben coñecido pola xente do mar. Para os demais, ese resplandor nocturno das augas é un espectáculo case que hipnótico. Estes días a ardentía deixouse sentir na ría de Betanzos e permitiu captar imaxes como as gravadas polo colectivo Os Patexeiros de Sada. O fulgor prodúcese pola luminescencia duns microorganismos que viven nas algas e que proliferan durante os meses do verán.