A Armada evacúa 162 civís europeos do Sudán, entre os que non hai españois
A Armada evacúa 162 civís europeos do Sudán, entre os que non hai españois
A fragata española "Raíña Sofía" que estaba no Índico, recolleunos en Port Sudán e trasládaos cara a Ieda, en Arabia Saudita
As Forzas Armadas españolas evacuaron este venres desde Sudán 162 civís de distintas nacionalidades, entre os que non hai españois, despois de que a Unión Europea solicitara apoio para a extracción dos seus nacionais do país, segundo informaron fontes do Ministerio de Defensa.
España respondeu a este pedimento co envío da fragata "Raíña Sofía", que estaba no océano Índico integrada na operación Atalanta e que trasladará os civís ata unha zona segura en Ieda, en Arabia Saudita.
As autoridades sauditas prestáronlle o seu apoio á delegación da Unión Europea para a evacuación de cidadáns de Sudán e comprometéronse a poñer todo o seu esforzo humano e económico para apoiar o traslado dos evacuados.
Esta é a segunda evacuación de civís desde Sudán realizada polas Forzas Armadas, que o 24 de abril sacaron de Khartum, a capital do Sudán, máis de 30 españois e outros 70 cidadáns europeos e latinoamericanos en avións do Exercito de Terra e do Aire.
Esta Operación de Evacuación de Persoal Non Combatente, NEO, polas súas siglas en inglés, iniciouse o venres 21 de abril co posicionamento no aeroporto de Djibuti dun primeiro avión A400, ao que se lle sumaron posteriormente un Airbus A330 e outros dous A400.
O actual conflito en Sudán enfronta desde o 5 de abril o Exército e os paramilitares das Forzas de Apoio Rápido, o que causou polo menos 550 mortos e decenas de miles de refuxiados.