Novo episodio no ciclo de ataques e represalias entre Israel e Irán
Novo episodio no ciclo de ataques e represalias entre Israel e Irán
Israel bombardeou instalacións militares iranianas
A comunidade internacional chama as partes á contención
O ciclo de ataques e represalias en que se meteron Israel e Irán volveu materializarse na madrugada deste sábado. Tel Aviv bombardeou instalacións militares iranianas, en resposta aos mísiles que Teherán lle lanzou hai case un mes por matar os líderes de Hizbulá e de Hamás.
Israel asegurou que actuara con precisión para reducir danos persoais e que daba a misión por concluída, pero advertiu que se Irán inicia unha nova rolda de agresións contestará.
Irán afirma que os danos deste bombardeo foron limitados aínda que admite que morreron catro soldados e recorda que defenderse é un dereito lexítimo e obrigado.
A comunidade internacional chama as partes á contención. Semella que a ningunha lle interesa entrar en guerra directa e prevese que as ofensivas mutuas rematen aquí. Biden afirmou que espera que se poña o punto final.
A tensión entre Israel e Irán disparouse desde que Tel Aviv declarou a guerra en Gaza e en especial logo do bombardeo de Israel ao consulado de Irán en Damasco o un de abril, que levou a Irán a atacar por primeira vez territorio israelí con mísiles e drons.