Elena del Rivero inicia unha nova etapa creativa coa queima de cadros dos 70 e 80
Elena del Rivero inicia unha nova etapa creativa coa queima de cadros dos 70 e 80
Arderon 51 lenzos que foron expostos durante o último ano en distintos lugares da aldea de Vilar, en Bande
Pretende pechar a primeira fase do proxecto que iniciara en 2001 cando perdeu parte da súa obra nos atentados do 11-S
Os propios veciños de San Pedro Fiz de Vilar, no concello de Bande, cargaron nun chimpín os 51 lenzos que nunca máis ían ser vistos. O repenique de campás a cargo de LLorenç Barber acompañou a obra cara á eira da Casa do Pozo onde se prendeu a fogueira.
Con esta acción a artista valenciana Elena del Rivero pecha o proxecto Arquipo do Pó, que iniciou cando seu estudo en Nova York ardeu nos atentados do 11-S.
"Naquel momento a obra foi destruída por un acto terrorista. E empéñome agora en crear algo en que eu sexa a propia destrutora da miña obra, a partir da cal vou crear obra nova", sinala Elena del Rivero.
Agora, asentada en Vilar dende 2023 da man do curador e director artístico galego Mateo Feijóo, quere iniciar unha nova etapa.
"É o final dunha primeira fase dun proxecto que se estende dende o ano 23 e agora comeza unha segunda fase, que é como unha devolución e a continuidade de todo o que se constrúe a partir desta destrución, entre comiñas", explica Mateo Feijóo.
Durante un ano eses cadros, pintados por Elena nas décadas dos 70 e 80, estiveron expostos en alboios, cortellos, vivendas e a igrexa da aldea. A partir destas brasas nace unha nova fase de creación en que a artista se nutrirá da convivencia cos paisanos.
"Todo iso que aí arde é o que me vai dar a obra nova. Á parte de todo o que estiven creando aquí con elementos que atopei nas casas dos veciños, nos seus palleiros (...). Hai tamén un traballo intelectual arredor do proxecto e que ten moito que ver co valor real dunha obra de arte, que significa un museo, porque os museos sempre están nas grandes cidades...", reflexiona Mateo Feijóo.
Lonxe de laiarse da perda de obras únicas, a acción do lume nesta tarde de chuvia deu paso á arte da celebración entre amigos e veciños, acompañada pola música de Os Rampeiros.