A Asemblea Xeral da ONU aproba esixirlle a Israel a fin da ocupación de Palestina antes dun ano
A Asemblea Xeral da ONU aproba esixirlle a Israel a fin da ocupación de Palestina antes dun ano
O texto esixe ademais a Israel que devolva as terras confiscadas aos palestinos, permita o retorno dos desprazados polos asentamentos e proceda ás reparacións aos damnificados
A Asemblea Xeral da ONU adoptou este mércores por maioría unha resolución para esixir a fin da ocupación dos territorios palestinos por parte de Israel, por unha maioría de 124 votos a favor e só 14 en contra, pero nesta ocasión con numerosas abstencións (43).
Requiríase unha maioría de dous terzos para apoiar esta resolución que non é vinculante, como todas as da asemblea, e é dalgunha maneira histórica ao ser presentada por primeira vez polo Estado de Palestina, que a pesar de non ter estatuto de estado pleno gañou algunhas competencias nos últimos meses.
Mentres que os países musulmáns e os africanos votaron case en bloque en favor da resolución, de novo a Unión Europea (UE) mostrou a súa desunión con votos a favor (entre eles España e Francia), en contra (Hungría e República Checa) e numerosas abstencións (Alemaña, Italia, Holanda, Suecia ou Polonia).
Israel e Estados Unidos volveron exhibir a súa sólida alianza nestas votacións consideradas críticas para o Estado hebreo, e ao seu lado puxéronse A Arxentina, Paraguai e varios países insulares do Pacífico, que sempre votan con Estados Unidos.
Doce meses de prazo a Israel para acabar coa ocupación
Esta nova resolución "pide a Israel que poñan fin sen demora á súa presenza ilegal nos territorios palestinos ocupados, incluído Xerusalén Este (...) e que o faga non máis tarde de doce meses tras a adopción desta resolución".
O texto esixe ademais a Israel que devolva as terras confiscadas aos palestinos, permita o retorno dos desprazados polos asentamentos e proceda ás reparacións aos damnificados, e pide ademais á comunidade internacional que non recoñeza as consecuencias territoriais, legais nin demográficas da ocupación de terras palestinas.
Pero a linguaxe da resolución, esta vez moi dura con Israel, non convenceu países de peso como O Canadá, Australia, A India, Suíza ou numerosos europeos que optaron por absterse.
En consecuencia, a resolución aprobada hoxe logrou menos consenso que a que foi votada o pasado maio na mesma Asemblea en favor da membresía plena do Estado palestino na ONU: entón apoiárona 143 países e só nove votaron en contra.