Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os focos activos en Portugal redúcense a 80

Os focos activos en Portugal redúcense a 80

Ás doce da noite deste xoves levántase a alerta por perigo de incendios

Agárdase unha baixada das temperaturas e menos vento, o que favorecerá a extinción do lume

G24.gal 19/09/2024 14:19

Portugal continúa a súa loita incansable contra os incendios. Só nas rexións do norte e centro do país arderon preto de 76.000 hectáreas e, segundo o sistema europeo Copernicus, a superficie total calcinada superaría xa as 100.000.

"A situación é caótica, é moi complicado para todo o mundo".

Quedan activos uns 80 focos, 8 deles significativos. Xunto cos preto de 5.000 bombeiros, traballan xa efectivos españois e está previsto que se incorporen outros 130 membros da Unidade Militar de Emerxencias. Con todo, non dan abasto, e son tamén os veciños os que se suman á loita contra o lume.

"Os incendios están moi dispersos na zona e os bombeiros non chegan a todos os lados, temos que contar con iso".

Os veciños están convencidos de que se trata de incendios intencionados. Nas últimas horas as autoridades portugueses detiveron novos sospeitosos de prender lume, pero moitos cren que as medidas contra eles non son suficientes.

"A maior parte dos lumes son por culpa de criminais, tiña que haber máis xustiza a ese respecto".

"Van ante os xuíces, pero non lles fan nada".

As condicións meteorolóxicas que favoreceron a vaga de incendios comezarán a remitir. Prevese unha baixada das temperaturas, ceo anubrado e unha menor intensidade do vento. Expectativas positivas ante un dos peores incendios da última década.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade