Publicador de contidos
Publicador de contidos

Abbas reclama unha nova Conferencia de Paz en Madrid e Sánchez di que sería un orgullo

Abbas reclama unha nova Conferencia de Paz en Madrid e Sánchez di que sería un orgullo

Pedro Sánchez trasladoulle a Abbas que España estaría orgullosa de ser a anfitrioa dese cumio

O presidente palestino foi recibido na Moncloa por xefe di Goberno español na súa primeira visita tras o recoñecemento do Estado palestino por parte de España

G24.gal 19/09/2024 13:32 Última actualización 19/09/2024 15:48

O presidente do Estado de Palestina, Mahmud Abbas, reclamou este xoves ante o xefe do Goberno, Pedro Sánchez, a convocatoria en Madrid dunha nova Conferencia de Paz sobre Oriente Próximo despois da que se celebrou en 1991, unha petición ante a que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dixo que sería un orgullo organizala.

Abbas fixo esta proposta na declaración que realizou xunto a Sánchez tras a reunión que ambos mantiveron no Palacio da Moncloa durante a primeira visita a España do presidente palestino desde o recoñecemento de Palestina como Estado.

O presidente palestino subliñou que non poden esquecer o papel de España en favor da paz con esa conferencia de hai 33 anos e por iso defendeu que haxa unha segunda conferencia na capital de España.

Sánchez non se referiu nas súas palabras a esa petición, pero fontes do Goberno informaron de que no encontro previo que ambos mantiveron aseguroulle que sería un orgullo para España o poder facer de anfitrioa dunha nova Conferencia de Paz e que faría o posible para que puidese facerse realidade.

O presidente do Goberno cualificou de "fito" a presenza de Abbas en España despois do recoñecemento de Palestina como Estado, e volveu a reclamar a urxencia de poñer fin á guerra en Gaza de forma inmediata.

"Non podemos convivir coa morte e coa destrución e non debemos normalizar a violencia", engadiu antes de alertar do risco dunha escalada da tensión en Oriente Medio despois da explosión de artefactos electrónicos en Líbano e das que Hizbulá responsabiliza a Israel.

Este asunto, segundo as fontes do Executivo, estivo presente igualmente na reunión entre ambos lideres, na que mostraron a súa preocupación pola situación e a súa sorpresa ante o que consideraron unha guerra tecnolóxica.

Tras insistir en que as partes deben lograr un cesamento do fogo, Sánchez considerou que "a clave de bóveda" é a Corte Internacional de Xustiza como instancia suprema, con capacidade e lexitimidade para interpretar as normas internacionais.

Por iso dixo que España dá tanta relevancia á opinión consultiva emitida o pasado 19 de xullo por esta Corte e que establece a ilegalidade da ocupación israelí dos territorios ocupados.

O xefe do Executivo lembrou que as medidas cautelares establecidas por ela son de obrigado cumprimento e celebrou así mesmo que a Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobase unha resolución esixindo a Israel que poña fin a "a súa presenza ilegal tanto en Gaza como en Cisxordania".

Sánchez considerou que o recoñecemento de Palestina como Estado por parte de España era "o xusto" porque "Palestina existe e ten todo o dereito a ter o seu propio Estado que conviva xunto co de Israel en paz e seguridade".

Esa solución dos dous Estados cre que é a única posible, e o camiño para lograla estará presente no cumio bilateral de antes de fin de ano que se celebrará en Madrid entre os gobernos español e palestino.

Para conseguilo, Sánchez garantiu que España vai seguir traballando coa comunidade internacional.

Abbas agradeceu repetidas veces ao presidente do Goberno o recoñecemento de Palestina, a defensa de que se trata dunha "causa xusta" e a súa aposta pola solución dos dous Estados.

Mostrou a intención de acudir á Franxa de Gaza xunto a líderes de organizacións internacionais para seguir pedindo o fin do ataque israelí e apostou por abordar un proceso político cuxo obxectivo é terminar coa ocupación e lograr a paz na rexión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade