Publicador de contidos
Publicador de contidos

Protección Civil portuguesa espera ter controlados todos os incendios este venres

Protección Civil portuguesa espera ter controlados todos os incendios este venres

Os peores focos activos están en Castro Daire, no centro, e en Arouca e Vila Pouca de Aguiar, no norte do país

A meteoroloxía está a ser favorable para a extinción, pero activouse unha alerta amarela ante o risco de corrementos nunhas terras que perderon toda a cobertura vexetal

Un helicoptero bota auga sobre o incendio de Castro Daire (Reuters / Pedro Nunes)
G24.gal 19/09/2024 17:23

O combate contra as lapas en Portugal comeza a dar sinais de tregua. Os catro incendios principais entre Aveiro e O Porto están xa en fase de extinción. Axudou a diminución do vento e o aumento da humidade.

Seguen activos outros 18 focos: preocupan sobre todo os das inmediacións de Viseu. Un deles, o de Castro Daire, ten 12 frontes activas.

Con todo, os responsables de Protección Civil esperan que o pesadelo remate este venres.

"Aínda temos frontes activas e estamos a facer todo o necesario e posible para dar como dominados os incendios ao longo do día de hoxe ou eventualmente mañá pola mañá", sinalou o comandante nacional da ANEPC, André Fernandes, en conferencia de prensa en Carnaxide, nos arredores de Lisboa.

Para esta noite están previstas as primeiras chuvias, que mesmo poderían caer en forma de ballóns. De feito, activouse unha alerta amarela ante o risco de corrementos nunhas terras que perderon toda a cobertura vexetal.

A media tarde, seguían 37 persoas nos centros de acollida onde foron evacuadas. E continúan as detencións dos presuntos incendiarios: hoxe prenderon o sospeitoso de iniciar o incendio en Albergaría a Velha, un dos máis destrutivos. Atribúenlle outros 3 incendios en xullo.

Desde o domingo arderon 121.000 hectáreas en Portugal, case o triplo do que se queimou en España no que vai de ano. E as emisións de carbono á atmosfera duplicaron o anterior récord dun mes de setembro. Para este venres, o Goberno decretou día de loito nacional polos 5 falecidos.

A vaga de incendios que comezou esta pasada fin de semana e que se expandiu principalmente nas zonas Centro e Norte do país deixou 166 afectados, das cales cinco falecidos -catro deles bombeiros-, e 12 feridos graves.

O Goberno portugués decretou un día de loito nacional para este venres en homenaxe ás vítimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade