Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rescatan tres persoas atrapadas nun incendio nunha vivenda en Vigo

Rescatan tres persoas atrapadas nun incendio nunha vivenda en Vigo

Unha das vítimas foi trasladada ao hospital con asistencia sanitaria

O lume arrasou o salón e afectou varias estancias máis da casa

G24.gal 01/04/2025 20:04 Última actualización 01/04/2025 20:15

Tres persoas foron rescatadas este martes dun incendio declarado nunha vivenda situada na rúa de Saa, na parroquia viguesa de Beade. Unha delas tivo que ser trasladada a un centro hospitalario. No rescate colaboraron operarios dunha empresa eléctrica que traballaban na zona, que axudaron a sair do inmoble a unha rapaza de 19 anos.

Segundo informou o 112 Galicia, foi un particular quen alertou de que había varias persoas no interior da casa sen posibilidade de saír pola súa conta.

Ao lugar acudiron os Bombeiros de Vigo, axentes da Policía Nacional e Local e o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Cando chegaron os equipos de emerxencia as outras dúas persoas, de 52 e 54 anos, estaban xa fóra da vivenda. Unha delas necesitaba asistencia médica e foi evacuada en ambulancia ao hospital.

O incendio calcinou por completo o salón da vivenda e provocou danos noutras estancias.  Os bombeiros sufocaron as lapas, asegurando que a posible orixe das mesmas apuntaba a unha regleta con varios dispositivos conectados na zona do salón.

Precisamente unha das moradoras indicou que oíra un chasquido procedente desa zona e comezou a ver lume, polo que só deulle tempo a refuxiarse no balcón para ser rescatada. O incendio afectou a todas as dependencias da vivenda do terceiro piso, que quedou totalmente calcinado.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade