A Asociación de Fiscais descarta retomar as relacións co fiscal xeral do Estado
A Asociación de Fiscais descarta retomar as relacións co fiscal xeral do Estado
A súa presidenta, Cristina Dexeus, ve difícil seguir traballando no estatuto orgánico do ministerio público tras as declaracións de Álvaro García Ortiz cuestionando a independencia das asociacións fiscais
A presidenta da Asociación de Fiscais, Cristina Dexeus, denuncia que existe unha "quebra do clima de confianza" despois das declaracións do fiscal xeral do Estado, de Álvaro García Ortiz, en que cuestionaba a independencia das asociacións de fiscais.
Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, Dexeus xustifica a decisión da asociación que preside de se levantar da comisión de traballo constituída polo fiscal xeral do Estado e destinada a reformar o estatuto orgánico do ministerio público.
Denuncia Dexeus que "hai un clima de desconfianza, como pon de manifesto o fiscal xeral do Estado nas súas declaracións en que intenta espallar unha sombra de dúbida sobre a actividade profesional da asociación. Consideramos que esa sombra de dúbida dicindo que compartimos obxectivos con partidos políticos, como se estivéramos politizados, quebra o clima de confianza. É inútil seguir traballando".
Dexeus explicou que aínda non recibiron resposta por parte do fiscal xeral do Estado, pero descartan seguir na mesa do estatuto orgánico do Ministerio Público. Apunta que as declaracións e as críticas de Álvaro García Ortiz son "difíciles de reverter" e "revelan que non aprecia a nosa colaboración". Asegura que non recordan un fiscal xeral do Estado tan "cuestionado" como Álvaro García Ortiz.
A presidenta da Asociación de Fiscais amósase a favor da reforma do estatuto orgánico do Ministerio Público, que se quere facer en paralelo á modificación da lei de axuízamento criminal que, entre outras cuestións, atribuirá a investigación dos delitos ós fiscais en substitución dos xuíces. Con todo, recoñece que "é un momento moi convulso para facer esa reforma lexislativa".