A Asociación Profesional da Maxistratura reclama respecto ao Poder Xudicial
A Asociación Profesional da Maxistratura reclama respecto ao Poder Xudicial
A presidenta da APM cuestiona que se fale de rexeneración democrática mentres se ataca a independencia dos maxistrados
María Jesús del Barco rexeita que se rebaixen as maiorías parlamentarias para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial
A presidenta da Asociación Profesional da Maxistratura, maioritaria na carreira xudicial, denuncia que desde hai tempo "estase a faltar ao respecto ao Poder Xudicial". María Jesús del Barco asegura que "estamos a asistir a críticas descarnadas, á deslexitimación da función dos xuíces e a xustificar, en definitiva, o incumprimento das sentenzas xudiciais".
Nunha entrevista no Galicia por diante, a xuíza pide que cesen as inxerencias do Poder Executivo e Lexislativo sobre o Poder Xudicial. Entende del Barco que a crítica ás resolucións xudiciais non pode ser unha emenda á totalidade do sistema xudicial e reclama que esas discrepancias se fagan "desde o respecto, a prudencia e a ponderación que é o que nos está a reclamar o comité de ministros do Consello de Europa".
Sobre as declaracións do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en que apuntaba a un plan de rexeneración democrática para desbloquear o Consello Xeral do Poder Xudicial ou acabar coas loiadas e noticias falsas, a maxistrada amósase crítica. Di que "a rexeneración democrática debe pasar sempre polo respecto ás institucións, ao imperio da lei e á separación de poderes". Cre que Sánchez podería predicar co exemplo e entende que un bo paso sería "renunciar á lei de amnistía e devolver aos xuíces a facultade de elixir os vogais xudiciais".
"Restrinxir a liberdade de prensa, a liberdade de información e o dereito á información ou tratar de atacar a independencia do Poder Xudicial de xeito permanente como se está a facer (...) é moi mal camiño para a rexeneración democrática".
A maxistrada amosa o seu malestar pola última enquisa do CIS en que hai unha pregunta sobre a imparcialidade da xustiza. "Vemos como se utiliza o CIS con fins partidistas, con preguntas capciosas para obter un resultado que é o de preparar o camiño para unha reforma que posiblemente o que trate é de atentar outra vez contra a independencia xudicial", afirmou.
Salienta que a situación do Consello Xeral do Poder Xudicial, co mandato caducado desde hai máis de cinco anos, é "insostible" e pide que haxa un acordo para a renovación e unha reforma da lei orgánica do poder xudicial.
Con todo, oponse a que se modifique a fórmula de elección para rebaixar a maioría parlamentaria dos tres quintos a unha maioría absoluta ante o bloqueo que existe e a falta dun acordo entre os principais partidos, PSOE e PP.
Explica que "nas circunstancias actuais, unicamente elixirían os vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, a maioría parlamentaria que apoio ao goberno. Isto xa o intentou o PSOE e Unidas Podemos e Europa paroulles os pés porque dixeron que iso non se axustaba aos estándares europeos e que era un retroceso no estado de dereito. É dicir, que nos afasta do que é un país democrático e nos sitúa preto dunha autocracia. Creo que iso non é rexeneración democrática".
A maxistrada defende a actuación do maxistrado que abriu dilixencias contra a muller do presidente do Goberno. Apunta que "é un procedemento normal de actuación".