Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Non hai ningunha proba obxectiva que o sinale", di o defensor do sétimo detido no crime de Samuel

"Non hai ningunha proba obxectiva que o sinale", di o defensor do sétimo detido no crime de Samuel

A Audiencia da Coruña cre que non hai risco de fuga ou de destrución de probas e decidiu poñelo en liberdade

Alejandro Míguez quedou en liberdade
G24.gal 03/11/2021 14:39

Alejandro Míguez foi o sétimo e último detido polo crime de Samuel Luiz. Ingresou en prisión provisional o pasado 29 de setembro e este martes, tras a celebración dunha vista, a Audiencia Provincial decidiu reverter esta medida cautelar e deixalo en liberdade. Sostén no auto que non hai "risco de fuga ou de alteración de probas".

O seu avogado cre na súa inocencia. "Non hai ningunha proba obxectiva que o sinale", di o defensor, Manuel Ferreiro. Insiste en que a gravación das cámaras non ten nitidez e "non permite identificar a ninguén, nin o meu cliente nin moito menos que se vexa pegarlle ao falecido".

Coa súa detención a Policía Nacional deu por finalizada a investigación. Porén, a instrución segue aberta e o próximo martes vanse practicar novas probas testificais.

Amais de Alejandro, hai outros seis investigados: dous menores de idade, un deles con antecedentes penais, outros tres mozos maiores de idade, os cinco privados de liberdade, e unha moza, parella dun dos anteriores, que está en liberdade pero coa obriga de comparecer no xulgado.

Tanto a Fiscalía como a acusación particular, exercida pola familia de Samuel, e a popular, por ALAS Coruña, solicitan que os detidos sexan investigados como coautores do asasinato de Samuel.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade