Publicador de contidos
Publicador de contidos

A policía cre que o agresor de Alxeciras é un "lobo solitario"

A policía cre que o agresor de Alxeciras é un "lobo solitario"

Hai varias hipótese abertas, incluída a de que o detido tivese problemas mentais

Non constan antecedentes penais por terrorismo nin radicalización nin en España nin nos países en que residiu

G24.gal 26/01/2023 20:23 Última actualización 27/01/2023 09:37

O Goberno esperará a que avance a investigación sobre o crime de Alxeciras para ver se eleva o nivel de alerta terrorista en España. A Audiencia Nacional investiga o caso como posible atentado xihadista, pero están abertas tamén outras hipóteses. 

A policía segue investigando os motivos que levaron a Yasine Kanza, de 25 anos e nacionalidade marroquí, a atacar o sacerdote dunha igrexa e matar o sancristán doutra en Alxeciras.

Durante o rexistro da súa vivenda, atopáronse varios pendrives con información que está sendo analizada, que, segundo algunhas fontes, poderían conter propaganda xihadista.

O que se sabe del polo momento é que fora expulsado de Xibraltar en 2019 e residía en España de maneira irregular desde xuño, polo que tiña aberto un expediente de expulsión do país. 

Non ten antecedentes penais por terrorismo, nunca fora investigado por xihadismo nin se lle coñecían contactos con radicais, aínda que cando cometeu o crime berrou o nome de Alá.

"Nunca estivo no radar de ningún servizo nacional por radicalización. E tampouco estaba nas bases de datos dos países en que residiu", dixo Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior.

De momento, o detido, que actuou só, sen cómplices, permanece en dependencias policiais á espera de ser trasladado á Audiencia Nacional, que abriu unha investigación por un posible delito de terrorismo.

No seu auto, o xuíz vincúlao co salafismo xihadista, a corrente supremacista do Islam que despreza o resto das relixións. Pero o ministro do Interior confirma que non é a única hipótese de traballo, sen descartar posibles problemas mentais.

"Analízase a natureza terrorista dos feitos, pero están abertas tamén outras posibilidades, estamos nun momento incipiente da investigación. Sexa a natureza que sexa, non contamos que teña un efecto chamada", di Grande-Marlaska.

Os tres feridos no ataque, incluído o sacerdote, evolucionan favorablemente. Mentres, Alxeciras chora a morte de Diego Valencia, o sancristán, polo que se gardaron cinco minutos de silencio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade