A autoproclamada república de Nagorno Karabakh anuncia que deixa de existir
A autoproclamada república de Nagorno Karabakh anuncia que deixa de existir
Os habitantes deste enclave deben "decidir individualmente" se permanecen neste territorio ou regresan, atendendo as condicións presentadas por Acerbaixán
O presidente da autoproclamada república de Nagorno Karabakh, Samvel Shajramanián, decretou hoxe a disolución da entidade separatista en territorio de Acerbaixán.
"Todos os órganos estatais e as organización dependentes deles deben disolverse antes do 1 de xaneiro de 2024, e a república de Nagorno Karabakh (Artsakh) deixa de existir", sinala o decreto recolleito por medios armenios.
O documento asinado por Shajramanián sinala que os habitantes de Nagorno Karabakh, incluídos os que se atopan fóra do seu territorio, deben tomar nota das condicións presentadas por Acerbaixán para a reintegración para logo "decidir individualmente" se permanecen en Nagorno Karabakh ou regresan a el.
A disolución da autoproclamada república de Nagorno Karabakh, por ninguén recoñecida, nin sequera por Armenia, foi unha das condicións impostas por Acerbaixán para deter a operación militar que lanzou o pasado día 19 contra o enclave e que concluíu ao día seguinte coa capitulación dos karabakhís.
Representantes do Goberno acerbaixano e dos armenios de Karabakh mantiveron desde entón dúas reunións para abordar a reintegración ese territorio en Acerbaixán.
A capitulación da república de Nagorno Karabakh provocou o éxodo dos seus habitantes cara a Armenia.
Máis da metade da poboación do enclave, estimada nuns 120.000 habitantes, abandonou desde o domingo os seus fogares e trasladouse a Armenia.
"65.036 persoas desprazadas forzosamente de Nagorno Karabakh chegaran a Armenia", escribiu hoxe en Facebook Nazeli Baghdasarián, portavoz do primeiro ministro armenio, Nikol Pashinián.
Segundo o Executivo armenio, a maioría dos desprazados teñen vivenda en Armenia ou familiares que lles acollen.
O resto son instalados en albergues, hoteis, centros de acollida e outros edificios na cidade de Goris, que se atopa preto da fronteira con Acerbaixán.
A fuxida dos armenios de Karabakh continúa a pesar de que o presidente Acerbaixán, Ilham Alíev, prometeu respectar os dereitos da poboación do enclave.
En Ereván, o primeiro ministro armenio, Nikol Pashinián, denunciou que ten lugar unha "limpeza étnica" do montañoso territorio.