Arredor dun milleiro de fogares sen luz polo temporal, a metade na comarca de Bergantiños
Arredor dun milleiro de fogares sen luz polo temporal, a metade na comarca de Bergantiños
O vento superou os 130 quilómetros por hora en puntos da costa e do interior de Lugo
Noitevella con avisos laranxa no litoral e amarelo no interior por vento e chuvia
Máxima precaución á cidadanía evitando achegarse á ribeira do río Castro polo perigo de que rebente a presa
Case un milleiro de fogares seguen sen luz, despois dunha madrugada de fortes ventadas. Máis da metade dos afectados están na comarca de Bergantiños. Coristanco é o concello con máis vivendas afectadas (464), pero tamén hai cortes de subministración en Zas e Cabana de Bergantiños. Segundo o mapa de incidencias de Naturgy, os problemas esténdense tamén a clientes de Ames, Rois, Fene e Vigo.
Ata o momento, os servizos de emerxencias galegos suman unhas 189 incidencias relacionadas coa chuvia este venres por mor do temporal, a maoiría por presenza de árbores nas estradas así como caídas de diferentes elementos.
Se atendemos por provincias, A Coruña sumou 77 incidencias, por 62 de Pontevedra, 32 de Lugo e 18 de Ourense.
Chove sobre mollado e pasa o que pasa. En Culleredo, abriuse a terra e en Mondariz, formouse un río de lama. E o vento do sur non para de zoar, de noite e de día. Os refachos viran os paraugas e por veces, resulta difícil camiñar. As pólas das árbores rachan e os refoleos fan caer algunhas como esta no concello de Ames. Ou árbores canda tendidos da luz como pasou en Teo.
Viveiro, Abadín, Vimianzo e Cuntis rexistraron ventos superiores aos cen kms por hora mentres lugares como Oia, Bueu, Lousame, Lira, Camariñas e Cedeira superaron os 80 e os 90 km por hora. As ondas na Costa da Morte foron de 5-6 metros pero con todo peregrinos e turistas non desistiron de visitar o cabo da fin do mundo.
Aínda que os avións abaneasen un pouco, a chuvia e o vento de 64 kms por hora que sopra en Santiago non impediron as perfectas aterraxes dos vóos con destino en Compostela.
Nas cidades como Santiago e A Coruña, o mal tempo clausurou de momento os parques públicos, ante os posibles perigos como caída de pólas e árbores, aínda que algúns fagan caso omiso.
Na capital coruñesa tamén é posible que restrinxan o acceso ás praias desde esta noite se o tempo vai a peor.
Encoro do río Castro en San Sadurniño
A Axencia Galega de Emerxencias informou nesta tarde do venres da debilitación da presa do río Castro na localidad de San Sadurniño. Non se prevén danos persoais nin materiais augas abaixo, pero a rotura do encoro provocaría un incremento do caudal ata a confluencia co río Grande de Xubia.
Por iso piden a máxima precaución á cidadanía evitando achegarse á súa ribeira nas próximas horas.
Accidente de tráfico en Teo
Na localidade coruñesa de Teo rexistrouse un accidente onde colisionaron dous vehículos por 'aquaplaning' que acabou con tres feridos.